Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Mercado de Nadal

  • A carpa de As Lagoas estará aberta o sábado e o domingo dende as 11 ás 22 horas
  • Ademais de postos de venda, tamén se poderá gozar de xornadas gastronómicas, concertos musicais, contacontos ou obradoiros

O Concello de Bueu organiza a próxima fin de semana, 23 e 24 de novembro, un Mercado de Nadal na carpa de As Lagoas con preto dunha vintena de establecementos de comercio, produción local, artesanía e no que tamén haberá opcións gastronómicas diversas. A proposta naceu dende a concellaría de promoción económica e turismo co obxectivo de “converter As Lagoas nun centro comercial e que a cidadanía tome conciencia do tecido local e da súa importancia”, en palabras de Silvia Carballo, edil da área. Dende o consistorio elixiuse a fin de semana anterior ao coñecido como Black Friday (venres negro), e será un mercado aberto a variados sectores e servizos, e con propostas de plans en familia, como concertos, obradoiros, contacontos ou xornadas gastronómicas.

O mercado estará aberto tanto o sábado coma o domingo das 11 ás 22 horas, e nel participarán varios comercios locais de roupa, e haberá outros de alimentación como de  queixos e conservas, así como artesanía ou adornos de Nadal.

Así, dende o consistorio anímase á cidadanía a visitar o mercado dende o sábado ás 11 horas. Ese día, ás 13 horas organizarase unha sesión vermú co grupo Covers Lovers e unhas xornadas gastronómicas. Xa ás 17 horas, Polo Correo do Vento ofrecerá un contacontos para público familiar, e ás 20 horas, Os Saljariteiros amenizarán de novo unhas xornadas gastronómicas.

Ao día seguinte, a sesión vermú e as xornadas gastronómicas das 13 horas contarán co acompañamento da música de Four Passanger. E ás 17 horas haberá un obradoiro infantil de elaboración de manualidades relacionadas co Nadal.

Este mercado pretende ser unha posta en valor do comercio e da produción local, e de aí que tamén se conte con varios postos de hostalaría da vila, caso de Kapa Volver e O Ratiño Pequeno, que ofrecerán diversas opcións gastronómicas e culinarias.

Programa Mercado de Nadal Bueu.pdf