III Festival Mozarte
Evento xa rematado
-
Data
7 julio, 2018
-
Hora
11:00 am - 11:00 pm
-
Praza Massó
Praza Massó, s/n, 36930, Bueu
A concellaría de mocidade e infancia, dirixida pola edil nacionalista Inmaculada Rodríguez, pon en marcha a terceira edición do MozArte, un festival dirixido ao fomento da creatividade entre as persoas máis novas. Con esta filosofía naceu fai agora tres anos e consolídase como un referente na aposta artística dos mozos e mozas, que teñen moitas ideas que achegar ao conxunto da sociedade.
A Praza Massó volverá ser o escenario elixido para a mostra de diversas disciplinas das que o público poderá gozar o vindeiro sábado, 7 de xullo, a partir das 11 da mañá e ata a noite.
O programa acollerá diversas actividades en sesión de mañá, tarde e noite. Entre as 11 e as 13 horas, a artista pontevedresa Ana Seoane impartirá un orixinal obradoiro de pintura sobre pedras, destinado aos rapaces e rapazas que aprenderán arte creativa.
Ás 12.00 h, o instrumentista de percusión cubano Didier Díaz Madan dirixirá un pasarrúas de ecopercusión, no que estarán presentes os e as participantes no obradoiro impartido ao longo desta semana no Centro Social. Didier leva anos traballando coa infancia, co obxectivo de achegar os instrumentos de percusión baseándose en diversas disciplinas, como a percusión vocal e corporal e a ecolóxica, onde se traballa a conciencia sobre o medio ambiente, reciclando todo tipo de obxectos capaces de facer música.
Ás 13.00 h, o grupo Bestas Jugger Cangas fará unha demostración deste deporte que naceu coma un xogo a partir da película Sangre de héroes, e que consiste nunha mestura entre rugby e esgrima sen técnicas violentas. Este grupo tamén volverá actuar a partir das oito da tarde, nunha demostración máis extensa.
Pola tarde, ás 19 horas, o ilustrador Kiko Dasilva presentará O picoto do pai, libro elaborado polos estudantes de O Garaxe Hermético, unha escola de banda deseñada dirixida por el mesmo, no que se aprender o debuxo de BD, a narrativa gráfica, a escrita de guións, os dereitos de autor, e a aprendizaxe contable e fiscal para exercer como autónomo especializado. Precisamente, Dasilva tamén ofrecerá unha charla arredor do seu traballo como humorista gráfico.
A clausura da xornada será a cargo do grupo de teatro “Se chove que chova” quen, a partires, das 22 horas, interpretarán unha serie de sketchs humorísticos e retranqueiros.
E ás 23 horas, o trío The Manueles fará as delicias dos e das asistentes cun estilo de música coñecida como surf rock, no que actúan o guitarrista Virxilio da Silva, o baixista Juansi Santomé e o batería Chus Pazos. No seu repertorio repasan o legado que deixou a inspiración do fundador do estilo, Manuel Freitas, un emigrante de Beluso a California, xerme de moitos grupos do momento.