II Concurso de Decoración ‘Bueu sente o Nadal’
-
Inicio
9 diciembre, 2024
Evento todo o día -
Fin
7 enero, 2025
Evento todo o día
- O consistorio repartirá 1.500 euros en bonos comercio nas tres categorías: individual, colectiva ou de escaparates comerciais e hostalaría
- Este certame, cuxo prazo de participación se estenderá entre o 9 de decembro e o 7 de xaneiro, pretende dinamizar a colaboración veciñal e reforzar o ambiente festivo da vila durante as festas de Nadal
O Concello de Bueu pon en marcha por segundo ano consecutivo o II Concurso de Decoración de Nadal ‘Bueu, sente o Nadal’, co que se pretende dinamizar a participación veciñal ao mesmo tempo que se reforza o ambiente festivo da vila nestas datas. Con este certame, o Concello busca premiar as mellores propostas de ornamentación de Nadal de vivendas, fachadas, balcóns, rúas, prazas ou escaparates comerciais. Así mesmo, con el tamén se dinamizará o comercio local, pois repartiranse 1.500 euros en bonos comercio segundo as diversas categorías.
O prazo para a participación estenderase dende o 9 de decembro ao 7 de xaneiro, e estableceranse varios premios divididos en tres categorías, sumando un total de 1.500 euros. Así, haberá unha categoría individual, na que estarán incluídas as fachadas de vivendas individuais, balcóns, fiestras ou xardíns, con premios de 200, 100 e 50 euros en bonos comercio; outra categoría colectiva para asociacións e comunidades veciñais, na que poderán participar fachadas de edificios, espazos como rúas, prazas, e nas que tamén se inclúen as asociacións que decoren os locais municipais nos que realizan habitualmente as súas actividades, con premios de 300, 200 e 100 euros; e a última, de escaparates comerciais e hostalaría, na que se incluirán os escaparates exteriores de establecementos e hostalaría, e cuxos premios serán de 300, 150 e 100 euros. Todos eses premios serán, a diferenza do ano pasado, para comprar no comercio local, co obxectivo de fomentar o consumo na vila.
A decoración utilizada terá que ver con motivos o Nadal, con liberdade da técnica empregada, aínda que non se poderán utilizar aquelas que causen perigos. As persoas ou entidades que desexen inscribirse deberán enviar un correo electrónico a cultura@concellodebueu.gal, indicando datos da persoa participante, fotografías da decoración, número de teléfono de contacto, enderezo da instalación e categoría na que participa.
Posteriormente será un xurado conformado por entre tres a cinco persoas o que valore as decoracións segundo criterios de orixinalidade e deseño, a iluminación, os materiais reciclables empregados, a temática e o fomento dos valores locais. As propostas gañadoras daranse a coñecer despois do 7 de xaneiro.