Festas do Carme
Evento xa rematado
-
Inicio
14 julio, 2018
Evento todo o día -
Fin
16 julio, 2018
Evento todo o día
As Festas do Carme celébranse do 14 ao 16 de xullo. O programa de festexos comezará o sábado, 14 de xullo, ás 12 horas cunha tirada de fogos e pola noite a verbena estará amenizada polas orquestras Ritmo Xoven e Pasarela. Xa o domingo será o Día dos Dolores, e ás 10 da mañá está previsto un pasarrúas a cargo da Banda de Música de Vilanova de Arousa; seguido dun baile no Eirado da Igrexa a cargo do grupo folclórico Recordos da Nosa Terra. Ás 12 horas será a celebración relixiosa na honra da virxe, cantada pola Coral Polifónica Acordes de Bueu e seguida de procesión. E pola noite, gran verbena coas orquestras Trébol e Compostela.
O luns celebrarase o día grande. A partir das dez da mañá, pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Bueu e a Banda de Gaitas Manxadoira, dando paso á misa maior que terá lugar ás 12 h con procesión acompañada ata a Lonxa de Bueu, onde durante todo o día se poderán admirar as Alfombras Florais, que farán varias delegacións de distintas zonas.
Ás 18 horas celebrarase a misa maior na Lonxa, cantada pola Coral Maruxía, e posteriormente baile con Retrouso de Cela e procesión marítima con regreso á Igrexa. Xa pola noite a verbena estará amenizada pola orquestra Tango e a tirada de fogos artificiais como peche.
Encontro internacional de alfombristas
Ao igual que o ano pasado, a Asociación Cultural de Alfombras de Bueu colabora nas festas do Carme a través da organización dun Encontro Internacional de Alfombristas, no que participarán unha ducia de delegacións, seis delas pertencentes á Comisión Internacional e outras seis de distintos puntos de Galicia, que elaborarán tapices florais na contorna da Lonxa seguindo unha temática común, sobre o mar e as súas xentes, cuxas dimensións serán de 3,50 m de largo e 7 metros de longo, como mínimo.
As delegacións que participarán son Gamaiore (Italia), La Orotava (Tenerife), Cataluña, Castropol (Asturias), Ponteareas, Redondela, Cangas, Ames, Rianxo, Burela e Moaña, que terán listas as alfombras na madrugada do sábado.