Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Charla sobre o Entroido de Ons

  • O acto terá lugar este sábado, 25 de xaneiro, ás 12.00 horas, na Sala Multiusos do Centro Social do Mar e nela intervirá o veciño e investigador José Manuel Dopazo Entenza

“Coma na illa en ninkún lado”. Ese é o título da charla – coloquio sobre o Entroido de Ons que o veciño bueués José Manuel Dopazo Entenza impartirá o próximo sábado, 25 de xaneiro, ás 12 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar. O acto, organizado polo Concello de Bueu e a Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons, busca afondar no coñecemento no Entroido da illa e forma parte dun proxecto maior de recuperación da tradición.

A idea é que a veciñanza poida coñecer este Entroido, e por iso na fin de semana do 1 e 2 de marzo se organizarán diversas actividades en Ons. O sábado habería unha fiada na zona de Curro á tarde noite, e o domingo ao mediodía farase unha saída da figura do entroido acompañada das máscaras, e posteriormente sairá o mudado. A idea baséase no traballo de recompilación do Entroido de Ons de José Manuel Dopazo, mestre e investigador, experto na fala da illa de Ons e noutros costumes e tradicións dese lugar.

Aínda que o Entroido tradicional da Illa de Ons decorría por todo o territorio habitado, dadas as circunstancias actuais, reducirase ao centro-sur. Así, a entrada sería a través da parte oeste da illa a través da Altura e, de aí chegar ás primeiras vivendas de Pereiró. Desde ese lugar pasarase polas casas habitadas aínda actualmente e polas que se sabe que hai veciñanza nesta festividade até pasar polo Canexol, subir polo cemiterio e atravesar As Xabreiras para entrar no Caño, de onde se baixará até curro.

Algúns conceptos do Entroido na Illa de Ons

Fiadas: teñen como únicas protagonistas as pandeiretas

Figura do entroido: supón a humanización da festividade. É un esqueleto de paus, cubertos de palla, todo dentro de roupa vella. A función principal é anunciar o inicio destes festexos, avisando de que o Entroido chegou.

Máscaras: a súa función é facer ruído avisando de que chega o entroido. Vestidas con roupa vella e levan a cara tapada cun pano, pel de animal ou calacú seco.

Mudados e mudadas: van ataviadas con prendas brancas e unha carauta vermella. A careta empregada será de tea, ou de calacú seco, pintada de vermello. Ademais, deberá levar un ganapán, unha vara ou algún obxecto co que facer ruído. Serán arredor de catro persoas, cuxa función é roubar comida das portas, sementar o caso a través de vareazos e mover obxectos de lugar.