Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Actividades Cabo Udra: Día Mundial das Aves

O Concello de Bueu continúa este mes de outubro con novas propostas de actividades medioambientais para todas as idades e que se organizarán na Aula da Natureza de Cabo Udra e na súa contorna. O programa conta co financiamento do GALP Ría de Pontevedra e lévase a cabo, ao igual ca en todo o verán, pola Asociación Alados, especializada no coidado da natureza, con obradoiros, rutas, charlas e xornadas didácticas.

As actividades arrancarán este sábado, 5 de outubro, cando se celebrará o Día Mundial das Aves. O día comezará ás 10.30 horas cun taller de iniciación á pintura de natureza con José Arcas, biólogo e artista de natureza fundador de “El local: Arte y Naturaleza” de Vigo. As persoas que se animen a participar deberán ser maiores de 15 anos, e levar lapis duro 2H e goma de borrar, papel acuarela de 300 grs e algúns folios, dous pinceis número 4 e 10 e acuarelas non escolares.

Ás 11 horas arrancará o paseo familiar “As Aves” no que se ensinará o fascinante mundo das aves e das súas familias. E tamén ese día ás 17 horas desenvolverase o obradoiro infantil sobre comedeiros para aves, no que se elaborará un destes recipientes con material natural e se aprenderá a “cociñar” unha receita coa cal axudar a sobrevivir ás aves paseriformes no duro inverno.

Xa ao día seguinte, 6 de outubro, terá lugar ás 10.30 horas unha xornada didáctica teórica e práctica de iniciación ás aves para persoas de 15 anos en diante, na que se fará unha introdución á ornitoloxía e na que se darán a coñecer diferentes especies de Paseriformes e Costeiras máis habituais tanto en Cabo Udra como en zonas litorais próximas. E ás 12 horas, os máis pequenos e pequenas poderán gozar dun obradoiro de realización dun móbil colgante dun mascato.