Festas de San Martiño
Evento xa rematado
-
Inicio
10 noviembre, 2023
Evento todo o día -
Fin
12 noviembre, 2023
Evento todo o día
- Música, teatro, magosto, xogos tradicionais e inchables, constitúen as apostas do Concello coa colaboración de colectivos da vila
- A maioría dos eventos programados terán lugar nunha carpa situada no aparcadoiro de As Lagoas
- Hoxe celebrouse a rolda de prensa nun acto no que estiveron presentes edís do goberno, como Carmen García, Alberto Moital e Xosé Leal
O Concello de Bueu organiza un amplo programa de actividades para celebrar as Festas do San Martiño, que se desenvolverá entre o 10 ata o 12 de novembro. Música, teatro, magosto, xogos tradicionais e inchables, constitúen as apostas do Concello coa colaboración de colectivos da vila, para unhas festas variadas e diversas, que seconcentrarán na carpa situada en As Lagoas, ademais doutras localizacións.
O programa está organizado polo Concello de Bueu, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e doutros colectivos, como as anpas do municipio, o Club de Atletismo Corredoiras, ou a Asociación Cultural Santos Reis.
O programa arrancará o venres 10 de novembro cun coloquio a cargo do veciño e investigador local Manuel Aldao, quen presentará unha investigación que levou a cabo arredor da Igrexa de San Martiño de Bueu e da súa contorna, e que se celebrará ás 18.30 horas na propia igrexa. Ese día, e xa para dar comezo aos días de festa, ás 22.30 horas, a carpa de As Lagoas acollerá un concerto de Mediarea con posterior foliada aberta, na que se anima a participar á cidadanía.
O sábado, coincidindo coa festividade de San Martiño, a xornada abrirase ás 11 horas polas rúas da vila con animación a cargo da charanga Noroeste. Ás 12 horas serán os oficios relixiosos na honra de San Martiño coa Coral Polifónica Marusía. Xa pola tarde, os pequenos e pequenas poderán gozar na carpa, entre as 16.30 e as 19.30 horas, de xogos populares e inchables de balde, con propostas para diversas idades. Ás 17.00 horas arrancará a tradicional XXVI Carreira de San Martiño, primeiro coas categorías inferiores e logo da absoluta.
Ás 20 horas, o Centro Social do Mar acollerá a obra teatral “#2Pilgrims” de Redrum Teatro, da que se poderá gozar de balde grazas ao programa “Tornar ás Táboas” da Deputación de Pontevedra. Esta proposta aborda o Camiño de Santiago, e outros temas necesarios como a igualdade e as novas masculinidades ou as redes sociais, reivindicando o labor do teatro como motor de cambio social e con tons de comedia.
Pola noite, a partir das 21 horas, a carpa de As Lagoas encherase de música cunha verbena amenizada pola Orquestra Triunfo e un DJ Santymix.
O domingo 12 volverá haber animación de rúa pola mañá coa charanga Os Jaláticos. Ás 12 horas desenvolveranse os oficios relixiosos na igrexa na honra de San Roque, nos que a Coral Polifónica de Bueu poñerá o toque musical.
Pola tarde voltarán os xogos tradicionais e inchables á carpa, e ás 17 horas poderase gozar dun magosto popular organizado coa colaboración das asociacións de nais e pais dos colexios da vila. Ás 18.30 horas, o Centro Social do Mar volverá organizar, tras o éxito do ano pasado, o II Concerto de Corais de San Martiño, un evento no que actuarán as corais da vila, como a Coral Polifónica de Beluso, a Coral Polifónica Marusía, o Coro de Cela e a Coral Polifónica de Bueu.
Os festexos rematarán ás 20.30 h coa verbena a cargo do Grupo Ti Tac na carpa de As Lagoas.
Ademais, o 11 e o 12 de novembro, a Asociación Cultural Santos Reis organiza, como vén sendo habitual, a XXIV Mostra de Fotos Antigas, que se poderá ver no adro pequeno da igrexa, e que amosará fotos históricas de paisaxes e xentes de Bueu.