Este sábado celébrase a VIII Bandeira de Traiñeiriñas Concello de Bueu
- A partir das 17.30 horas tomarán a saída do peirao da vila morracense quince clubs, tanto da zona sur coma do norte, e agárdase a participación de preto de trescentos remeiros e remeiras
O peirao de Bueu acollerá esta fin de semana a VIII Bandeira de Traiñeiriñas Concello de Bueu, organizada polo Club do Mar de Bueu- Simei e o Concello de Bueu. Esta actividade celebrarase o sábado, 6 de maio, a partir das 17.30 horas e terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo, e con cinco minutos entre as distintas categorías, tal e como destacaron na rolda de prensa celebrada este venres Félix Juncal, alcalde da vila, Javier Pazos, e Valente Campos, membros da directiva do club organizador.
No campionato participarán traiñeiriñas das categorías xuvenil masculino, absoluto masculino e absoluto feminino, cuxos barcos gañadores se farán coas correspondentes bandeiras conmemorativas da proba. A organización agarda a participación de diversas embarcacións dos clubes da Zona Territorial Sur e tamén da Norte. Segundo os datos do club, haberá corenta embarcacións de quince clubs, que son Bueu, Robaleira, Coruxo, Chapela Cesantes, Meira, Samertolameu, Tirán, Amegrove, Mecos, Vilaxoán, Puebla, Cabo, Ares e Riveira.
O percorrido consta de 3500 metros e irá dende o peirao de Bueu cara a praia de Portomaior, e a organización agarda contar con preto de trescentos remeiros e remeiras.