Estaleiro do Purro para a xente
Bueu dará a benvida ao remodelado estaleiro de Purro este sábado con presentacións de libros, espectáculo de danzas aéreas e música
A presidenta da Deputación asistirá ao acto institucional con motivo da finalización da primeira fase da obra financiada con fondos provinciais
O Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra escenificarán este sábado a apertura do Estaleiro de Purro para a xente nunha primeira xornada que porá en valor a cultura marítima. Os actos darán comezo ás 19 horas no interior do espazo rehabilitado coa presentación de dous libros relacionadas coas embarcacións tradicionais, o estudo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Fgcmf) «A dorna, a gamela e o galeón» editado polo Servizo de Publicacións do ente provincial, e «Vento nas velas» do fotógrafo Xurxo Lobato. Xa ás oito da tarde nas inmediacións do estaleiro será o turno do acto formal de apertura cun espectáculo de danzas aéreas por parte de Rebeca Santos e coa música en directo do grupo Sonia Lebedynski Trio que pechará a cita tralos discursos institucionais por parte do concelleiro e deputado de Cultura, Xosé Leal, a presidenta da Deputación Carmela Silva e o alcalde de Bueu Félix Juncal.
O goberno local pretende que esta primeira toma de contacto co estaleiro previo a súa apertura definitiva sirva para remarcar as políticas a prol da posta en valor, defensa e salvagarda do patrimonio maritimo da nosa vila que veñen levando a cabo, ás que hai que engadir o traballo que levan a cabo colectivos coma Os Galos. Para o alcalde Félix Juncal, «a primeira fase da recuperación desta infraestrutura tan importante para nós foi un obxectivo primordial cun impulso público de 209.000 € provintes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que se verá complementado coa segunda fase que se financiará cunha axuda dos Galp».
A primeira toma de contacto que van ter as persoas que se acheguen ata a Banda do Río vai ser con dúas presentacións cunha estreita relación co mar e con Bueu. «A dorna, a gamela e o galeón» mostra unha caracterización destas embarcacións tradicionais de Galiza a raiz dun estudo realizado dentro do proxecto Proamare en 2013 baixo a dirección da Fgcmf polos enxeñeiro Guillermo Gefaell, Pedro Pernas e Rocio Lourido con referencias á dorna polbeira e no que colaborou o Museo Massó. A importancia desta publicación radica tamén en que vai permitir conservar as técnicas construtivas tradicionais para a súa aplicación futura. Despois será o turno do libro de fotografías de Xurxo Lobato «Vento nas velas», no que aparecen as embarcacións de Os Galos navegando pola ría de Pontevedra xunto e o propio museo con textos de Avelino Ochoa, José Ramón Soraluce, Felipe-Senén López e Lino Prieto, acompañando estes dous últimos ao autor.
No apartado artístico a acróbata Rebeca Santos representará dúas pezas aéreas nas que simbolizará o mar e a súa importancia para unha vila como Bueu, e a música de Sonia Lebedynski, a que fora voz principal de Fía Na Roca, dará por finalizado o acto.