Esta semana comezan as obras de mellora da rúa A Pedra
- O alcalde realizou unha visita previa xunto aos responsables da empresa que levará a cabo da actuación
- A actuación foi adxudicada por un importe de 289.902,86 euros a COVSA, no marco do Plan Depo-Remse da Deputación de Pontevedra
Félix Juncal, alcalde de Bueu, realizou hoxe unha visita á rúa A Pedra, onde esta semana comezarán as obras de mellora e acondicionamento. Xunto a responsables da empresa adxudicataria (COVSA SA), Juncal puido ver de primeira man as actuacións que se van levar a cabo e que consistirán na reurbanización e pavimentación desta rúa. Nela vaise aproveitar para facer unha actualización e modificación das redes de abastecemento e saneamento existentes. Mellorarase o acceso e circulación de persoas con mobilidade reducida e auméntanse os anchos das beirarrúas, suprimindo tamén as barreiras arquitectónicas e implementando a sinalización tanto horizontal como vertical. Así mesmo, e tal e como salientou Juncal, estase ultimando unha proposta para ampliar os aparcadoiros, coa creación de dúas áreas: unha de 90 prazas enfronte ao Pavillón; e outra de 25 preto da entrada ao colexio de A Pedra.
As obras foron adxudicadas por un importe de 289.902,86 euros, IVE engadido, a Construcciones Obras y Viales SA e realizaranse con cargo ao Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Depo-Remse) da Deputación de Pontevedra.
Ademais, co fin de informar sobre os prazos e avance desta actuación, o alcalde convoca á veciñanza do lugar a unha reunión informativa que se celebrará o próximo venres, 30 de agosto, ás 12.00 h no salón de plenos da Casa do Concello. A continuación, están convocadas as directivas dos centros educativos, asociacións de nais e pais e representante do Centro de Saúde.
Esta rúa soporta un alto grao de mobilidade diaria xa que na súa contorna se ubican moitos centros de elevada atracción: o CEIP Plurilingüe A Pedra, os dous institutos (Johán Carballeira e Illa de Ons), o centro de saúde e o Pavillón Municipal Pablo Herbello. Isto xera unha gran cantidade de tráfico rodado e peonil nunha rúa cunha estrutura insuficiente para garantir unhas condicións de seguridade viaria e de accesibilidade universal.