Declárase deserto o VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares
O xurado, que se reuniu este mércores, estivo composto por Lucía Muradas Arcay, Salvador Otero Castro e Fátima Álvarez González.
O VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, convocado polo Concello de Bueu, acaba de declararse deserto, logo de que o xurado, reunido na tarde deste mércores e composto Lucía Muradas Arcay, Salvador Otero Castro e Fátima Álvarez González, deliberase que “ningún dos presentados cumpre a totalidade dos requisitos establecidos nas bases reguladoras do Certame”.
Este concurso, que ten como temática a (des)igualdade entre homes e mulleres e a perspectiva de xénero, recuperouse o ano pasado tras seis anos de parón. O premio ten galardoado a varias persoas destacables no eido cultural e literario. Na primeira edición a gañadora foi Rosa María Martínez Dios co relato “Dúas cunchas”; seguidamente, Xurso Sierra Veloso, con “As dúbidas de María”; Xosé Alfredo Naz Fernández, con “Círculo”, Serafín Parcero Pérez, con “Ollos de cinsa”; María del Carmen Caramés Gorgal, con “Días de namorar” e Alexandre Alonso Alonso con “Xénero imperfecto”.
Este certame naceu no marco da programación do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, como unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións en Bueu. Esta muller foi ademais organizadora de actividades culturais e grupos de teatro na vila. En 1898 daba clases na escola privada da Banda do Río, e o 11 de novembro do 1932 realizóuselle unha homenaxe coa colocación dunha placa conmemorativa na que foi a súa casa en Eduardo Vincenti, 41, e que leva a seguinte inscrición “Os fillos de Bueu en América a Matilde Bares”. Unha homenaxe que foi auspiciada polos emigrantes arxentinos en agradecemento pola súa labor, xa que a moitos deles ensinoulles a ler e a facer contas antes de partir a Arxentina.