Don Arturo Sánchez Cidrás foi nomeado este sábado Fillo Adoptivo da vila de Bueu
- A homenaxe tivo lugar nunha sesión plenaria extraordinaria que se celebrou no Centro Social do Mar e á que asistiu un gran número de persoas
- Félix Juncal, alcalde da vila, destacou a figura de Cidrás pola contribución ao pobo de Bueu e definiuno como “a luz que nos guía”, “un científico investigador” e “o noso cronista”
- O homenaxeado mostrouse emocionado “porque sexades testemuñas da miña fonda gratitude a Bueu”
- Sánchez Cidrás é mestre xubilado, investigador, escritor e xestor cultural, e leva a cabo un gran labor como recompilador da historia local bueuesa
Don Arturo Sánchez Cidrás, mestre xubilado, investigador, escritor e xestor cultural, foi nomeado este sábado pola mañá Fillo Adoptivo do Concello de Bueu. A homenaxe tivo lugar nun pleno extraordinario que se celebrou nun Centro Social do Mar ateigado de amizades e familiares de Sánchez Cidrás. Ademais, e paralelo a este acto, tamén se inaugurou unha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa na que se recollen obxectos e publicacións relacionadas coa traxectoria de Cidrás no ámbito educativo e da investigación.
O acto comezou ás 11 horas coa lectura da proposta de nomeamento por parte de Carmen García, concelleira de cultura, na que se salientan os méritos do homenaxeado para este nomeamento. A edil remarcou a súa traxectoria como mestre e como investigador e compilador da historia local. Segundo se recolle na proposta, que se basea na presentada polos colectivos locais, “o traballo de Cidrás levouse a cabo dende o voluntarismo incansable dunha soidade só comparable á dun eremita marabillado polo que fai, dedicándolle horas, días, meses, anos e décadas de lecturas, de estudo, de expurgo, de procuras, deron como froito unha inxente recollida de documentación nos ámbitos da historia, da etnografía, da arqueoloxía, da etnoloxía, da lingüística, da cultura popular; ou sexa de todas cantas disciplinas teñan relación co magma excelso onde conflúe o binomio deses dous conceptos que denominamos natureza e humanidade”.
Elena Estévez, voceira do PP, agradeceu a Cidrás “porque creo que recolles todo o que se pode dicir dunha boa persoa” e tamén “por todas as horas e o tempo adicado tanto como mestre como por eses estudos minuciosos da nosa vila”. Pola súa banda, Isabel Quintás, voceira do PSOE e tenente de alcalde, salientou “o orgullo que é contar con alguén que sen ter nacido neste pobo o fixo seu” e destacou que “o nome de Arturo se une para sempre ao da nosa vila”.
A continuación, e despois da adopción do acordo por unanimidade da corporación, interveu Félix Juncal, alcalde da vila, quen definiu a Cidrás como “a luz que nos guía”, “un científico investigador” e “o noso cronista”. O rexedor remarcou a súa contribución ao pobo de Bueu, e destacou que “é un mestre que dedicou toda a súa vida ao ensino e a colleitar toda a documentación e saberes que axudan á memoria individual e colectiva de Bueu, pois defende esa idea de que é importante lembrar de onde vimos para saber cara onde camiñamos”.
Tras a entrega do agasallo institucional, consistente nun diploma conmemorativo, un pin co escudo oficial de Bueu, unha bandeira e un cadro do artista local Marc Taeger, Cidrás interveu para agradecer esta homenaxe. Durante o seu discurso mostrou a súa emoción porque “sexades testemuños da miña fonda gratitude a Bueu”. O acto completouse cunha actuación musical dos catro netos do homenaxeado e coa proxección dun pequeno vídeo do programa da TVG “Anacos de vida” no que se explica a súa traxectoria. Ao remate as persoas asistentes foron agasalladas co libro Arturo Sánchez Cidrás: vogando na cerna da historia, editado polo Concello de Bueu para a ocasión, e no que se recollen lembranzas de amizades, compañeiros de traballo e de vida, así como imaxes de actos e homenaxes nos últimos anos.
Un traballador inesgotable pola historia de Bueu
Este recoñecemento foi impulsado hai uns meses por un grupo de persoas e asociacións da vila, e asumido por todos os grupos da corporación municipal, acordándose a celebración deste pleno ao que poderá asistir toda a veciñanza. Ademais, dende o consistorio quere estenderse esta homenaxe máis alá e por iso este venres, previo ao pleno, terá lugar unha mesa redonda ás 19.30 horas na Biblioteca Municipal Torrente Ballester e na que participarán Xaime Toxo, Lucía Novas, Manuel Aldao, Salvador Castro, Amalia Omil e Abigail Buceta. Así mesmo, tamén se vai abrir o sábado unha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa composta por diversos elementos da traxectoria de Sánchez Cidrás, entre os que se atopan o seu primeiro ordenador, cámaras fotográficas e outros relacionados coas súas diversas investigacións.
Arturo Sánchez Cidrás desenvolveu a súa carreira profesional como mestre na vila de Bueu durante máis de trinta anos ao longo das cales deixou unha lembranza inesquecible de bo facer nos seus alumnos e compañeiros como figura exemplar, comprometida coas medidas de renovación e actualización pedagóxica, na procura dun ensino de calidade, rigoroso e crítico. O labor de Arturo Sánchez Cidrás neste eido é inxente, promovendo dinámicas de aula, de centro e comunitarias, xa que a idea de que as experiencias de aprendizaxe parten da realidade próxima e vital do alumnado para poder logo ser xeneralizadas e aplicadas en calquera contexto global ou universal.
Sánchez Cidrás é un gran investigador da historia local, traballo que xa se podía albiscar na revista “O Candil” fundada no CEIP A Pedra, e que seguiu ao longo deste anos nas súas páxinas webs, nas que recompila historias, curiosidades, eventos, artigos e todo o que teña que ver con personaxes ou persoas de Bueu. Precisamente a raíz das súas investigacións publicou tamén, co apoio do Concello, varios libros como Outra maneira de soñar: Historia do cine e do teatro, Biografías I Bueu e Biografías II Bueu. Alcaldes para un pobo, A escola Pública en Bueu, Bueu no exilio ruso ou Ons. A illa que navega no tempo. Ademais participou nunha gran cantidade de publicacións conxuntas e artigos de revistas, e ten impartido numerosas charlas e conferencias na vila.
Malia ser natural da localidade veciña de Marín, Sánchez Cidrás ten unha intensa relación con Bueu participando en moitas ocasións da vida pública e das súas actividades, e sendo merecedor de diversos recoñecementos. Así, foi pregoeiro da II Festa do Millo Corvo, da Romaría de Sanamedio do Día das Letras Galegas no 2006, da XIV Festa do Polbo de Bueu, foi homenaxeado co I Premio Ermelo do Concello de Bueu no 2015, e gañador do Premio Johan Carballeira no mesmo ano.
Con este nomeamento, Cidrás únese aos outros Fillos Adoptivos que ten o Concello de Bueu xa dende hai anos, caso de D. Fernando de la Rúa, Staffan Mörling ou D. Juan Veiga.