O Concello pon en marcha un programa de rutas de sendeirismo para este verán
- Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta a importancia destas camiñadas, que divulgarán o patrimonio natural e cultural da vila
- As rutas desenvolveranse todos os sábados pola mañá, e a primeira percorrerá o Sendeiro do Litoral o 18 de xullo
O Concello de Bueu porá en marcha este verán un programa de rutas de sendeirismo para a divulgación do patrimonio natural e cultural da vila. Así o salientou hoxe a concelleira de turismo, Silvia Carballo, na rolda de prensa de presentación, na que salientou que “nos tempos que vivimos é importante que contemos con actividades ao aire libre e que nos permitan gozar da nosa contorna e riqueza natural”, ademais de que “con estas actividades poñemos en valor o patrimonio material e inmaterial da nosa vila”.
O programa desenvolverase todos os sábados entre o 18 de xullo e o 29 de agosto, por parte de persoal especializado da empresa Estela Arqueoloxía e Patrimonio, cuxo responsable, Fran Alonso, participou na rolda de prensa e indicou que “se aplicarán medidas anti- Covid, como uso obrigatorio da máscara e o mantemento das distancias de seguridade”. Para cada ruta habilitaranse vinte e cinco prazas e as persoas interesadas deberán inscribirse previamente a través do teléfono 986 324 457 ou no correo electrónico turismo@concellodebueu.gal.
O 18 de xullo será a primeira das saídas, que percorrerá o Sendeiro do Litoral. O 25 de xullo continuarase polo Sendeiro de Ermelo; o 8 de agosto, pola Ruta dos Pazos; o 15 de agosto, polo Sendeiro de Beluso; o 22 de agosto, polo Sendeiro de Ons; e o 29 de agosto, culminarase na Ruta dos Abades de Cela.
As camiñadas arrancarán ás 10 h da mañá e percorreranse todas as parroquias e puntos de interese do Concello, co obxectivo de dar a coñecer a fondo a vila morracense.
Turismo sostible e de natureza
Dende a concellaría de turismo levan moitos anos apostando por un turismo sostible e de posta en valor do patrimonio cultural e natural. Este ano, debido ás restricións establecidas pola Covid-19, non se abrirán ao público nin a Aula da Natureza de Cabo Udra nin o Centro de Interpretación de Agrelo. Con todo, organizaranse rutas pola contorna de Cabo Udra e obradoiros infantís de temática ambiental e mariñeira, que se anunciarán proximamente.
Por outra, nos vindeiros días é probable que se incorpore o técnico/a de turismo, logo de que o luns se celebre a proba selectiva.