Bueu participa na campaña ‘Únete ao reto!’ que pretende incrementar a reciclaxe de plásticos
- O obxectivo é aumentar un 10% a reciclaxe destes residuos, e así o concello gañará un premio de 2.000 euros para doar a unha causa social local
Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente e xestión de residuos, estivo esta mañá cos representantes da campaña «Únete ao reto!» de Ecoembes. A vila bueuesa é un dos trece municipios galegos elixidos pola Consellería de Medio Ambiente e a empresa Ecoembes para levar a cabo esta iniciativa coa que se pretende potenciar a reciclaxe de plásticos.
Dende o 1 de marzo e ata o 31 de maio, os veciños e veciñas poderán colaborar botando todos os envases lixeiros (como latas, briks, e envases de plástico) no contedor amarelo. O obxectivo é incrementar un 10% a reciclaxe destes residuos e, no caso de conseguilo, o concello gañará un premio de 2.000 euros para doar a unha causa social local.
Para difundir a campaña, xa nas semanas anteriores varios promotores visitaron a vila co fin de informar á cidadanía e instalouse un contedor amarelo xigante na Praza do Concello.
Toda a información da campaña atópase na páxina web: https://uneteaoreto.com/