Bueu celebra o 70 aniversario dos Dereitos Humanos cun obradoiro de arte infantil
-
Os actos están organizados pola Asociación Veciñal da Banda do Río e conta coa colaboración especial do artista internacional Cristóbal Gabarrón
-
O taller de pintura, o primeiro do noso país, celebrarase o 29 de setembro na contorna do Estaleiro de Purro, e os debuxos serán expostos en diversos lugares da vila
O municipio de Bueu únese á celebración do 70 aniversario da Declaración Universal de Dereitos Humanos, a través da realización de obradoiros e exposicións de arte infantil. Co gallo destes actos, celebrouse este venres a presentación en rolda de prensa, na que estiveron Félix Juncal, alcalde da vila, Xosé Leal, concelleiro de cultura e deputado provincial, Macu Rodríguez, concelleira de infancia e mocidade, Óscar Veiga e Carmen Santos, da Asociación Veciñal da Banda do Río, o artista Cristóbal Gabarrón e o seu fillo, tamén presidente da fundación que leva o seu nome, e o párroco José López.
O taller de pintura “Ruta polos dereitos humanos” que impartirá Gabarrón por primeira vez en España terá lugar o 29 de setembro e será o xerme dunha serie de exposicións por toda a localidade durante o mes de outubro, nas que se elixirán os debuxos participantes no concurso internacional de arte infantil que a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas polos Dereitos Humanos e o Servizo de Información das Nacións Unidas en Xenebra, xunto co artista e a Fundación Gabarrón están desenvolvendo a nivel mundial, e no que se insta aos mozos e mozas a reflexionar sobre a importancia dos dereitos humanos. No taller está previsto que participen en torno a 200 nenos e nenas de entre 4 e 14 anos de idade do municipio.
O alcalde lembrou o feito de que na vila teñan coincidido ao longo do tempo moitos artistas, como é o caso de Gabarrón, e salientou que “Bueu sexa o primeiro municipio de España no que se celebre este obradoiro, que xa tivo lugar en Bruselas e Xenebra”.
Óscar Veiga, presidente da Asociación Veciñal da Banda do Río, incidiu en que “se fai necesario reflexionar sobre os dereitos humanos e os nenos e nenas son o xerme do cambio”.
Na mesma liña falou o deputado de cultura, Xosé Leal, destacando que “é preciso concienciar a través da arte porque nos abre a mente e nos fai mellores persoas”, apuntando tamén a importancia de visibilizar esas creacións.
O párroco, José López, insistiu en que “aínda queda un longo camiño por percorrer na consecución de todos os dereitos que temos como cidadanía”. E a concelleira de infancia e mocidade, Macu Rodríguez, mostrouse satisfeita “pola posta en marcha de iniciativas e proxectos que teñan en conta á rapazada, que lle dean voz”.
O lugar elixido será a contorna do Estaleiro da Banda do Río (tamén coñecido como Purro), e para o seu desenvolvemento contarase con monitores formados e con experiencia no ámbito das artes plásticas. Posteriormente, e co obxectivo de dar visibilidade a estas creacións infantís así como apoiar a educación en valores a prol dos dereitos humanos, está previsto que se organicen exposicións na Sala de Exposicións Domínguez Búa, o Museo Massó, o salón de plenos do Concello, a Praza de Abastos de Bueu, a Capela dos Santos Reis, o Estaleiro de Purro, o Centro Social do Mar, a Aula da Natureza de Cabo Udra, o Centro de Interpretación de Agrelo e todos os centros de primaria e secundaria do municipio.
Así mesmo, unha selección dos traballos participarán directamente no concurso internacional de debuxo “Nenos polos dereitos humanos” que convida aos pequenos e pequenas de entre 10 e 14 anos a crear obras de arte creativas baseadas en tres posibles temas: o dereito humano que considera importante defender, unha persoa á que se admira polos seus esforzos en prol dos dereitos humanos, e a maneira na que o neno ou nena pode defender os dereitos humanos.
O prazo de presentación de traballos a este concurso esténdese ata o 31 de outubro de 2018 e os gañadores/as serán anunciados o 10 de decembro no Día Mundial dos Dereitos Humanos.
Cristóbal Gabarrón e a vinculación con Bueu
Desde o ano 1998, Bueu acolle durante longas tempadas ao artista internacional Cristóbal Gabarrón, ben coñecido polo seu marcado carácter humanista e polo seu compromiso, vinculación e traballo coas Nacións Unidas. Estes temas foron constantes na súa carreira desde que en 1986 deseñara o selo conmemorativo do Ano Internacional da Paz a partir da súa obra Our Hope for Peace. A este séguelle a súa obra Dawn in the new Millennium, conmemorativa do cume do Milenio da ONU (2000), a Capela do Milenio (2001) e máis recentemente Universo de Luz, inaugurado o 24 de outubro de 2015 no célebre Central Park de New York, polo secretario xeral da ONU, tamén exposto en Xenebra e Ámsterdam e pronto en Bruselas (outubro-decembro de 2018). A Fundación Cristóbal Gabarrón nace no 1992 co obxectivo de concienciar a través das artes, tendo como eixo fundamental de actuación aos nenos e nenas.
Froito desa relación coa vila bueuesa xorde este taller, co obxectivo de aproximar a arte á rapazada e de sensibilizar á sociedade en xeral sobre os dereitos humanos.
Precisamente, na rolda de prensa, Cristóbal Gabarrón defendeu que “a arte é dinamizadora e real para a infancia e serve para estender a mente, ao tempo que axuda a conformar a nosa identidade”.