Bueu celebra este venres a cuarta edición da Gholifesta
- Cun fin solidario e reivindicativo, o evento terá lugar nos Xardíns de Urbano Lugrís a partir das 19.00 h onde se producirá a explosión de cor
Os Xardíns de Urbano Lugrís (As Lagoas), acollerán o próximo venres, 23 de agosto, a cuarta edición da Gholifesta, organizada polo Concello de Bueu cunha finalidade solidaria e de defensa dos dereitos de todas as persoas a amar libremente. Así o salientou Inmaculada Rodríguez, concelleira de benestar social, na rolda de prensa celebrada este mércores, na que tamén lembrou que o lema do evento “Paz, empatía e solidariedade e unha filosofía de vida: o activismo cívico” pretende o duplo obxectivo da festa: lúdico e solidario.
O evento, dirixido especialmente á mocidade, arrancará ás 19.00 h con xogos e música e animación a cargo de Alba Outeda, que será a encargada tamén de amenizar a explosión de cor, durante a que se lanzarán pos de diversas cores cun claro afán reivindicativo.
A Gholifesta de Bueu é un proxecto nacido no ano 2015 e que toma como base a tradicional Holi, un festival hindú de primavera que se celebra en lugares como a India, o Nepal e algunhas comunidades de orixe indio do Caribe e Sudamérica. Na súa orixe, Holi tamén marca o inicio da primavera, e para moitos o comezo do novo ano. Centos de persoas, a maioría mozos e mozas, reúnense nas cidades máis importantes na conmemoración ao amor dos deuses Radha y Krisná e para crear unha inmensa nube multicolor.
No acto de presentación tamén estivo Carmen Miranda, tesoureira da Asociación Bicos de Papel, colectivo xurdido no 2017 co fin de axudar a nenos e nenas oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro. Concretamente, e como se fixo nas pasadas edicións da festa, destinarase un euro de cada pack da Gholifesta, que está conformado por camiseta conmemorativa, mochila e pos de cores, que se poderá adquirir a partir das seis da tarde do mesmo día por un prezo de 10 €. O evento contará tamén cunha mesa informativa da man de Inés del Río, pediatra integrante de Médicos do Mundo e activista incansable dos dereitos LGTBIQ+.
O dereito de cadaquén a ser feliz sendo quen é
O goberno local defende o dereito de todas as persoas a ser quen queren ser e a amar libremente. Por iso, e na loita pola visibilización da loita do colectivo LGTBIQ+, se organizaron o pasado mes de xuño as II Xornadas pola Diversidade Afectivo – Sexual, que contaron con coloquios, presentacións de libros e outras actividades coas que se “pouco a pouco se vai xerando debate e concienciación entre a sociedade”. Ademais, outro dos valores que se pretende fomentar é o activismo cívico, “creando unha filosofía de vida a través da cal tod@s construamos unha sociedade aberta, xusta e diversa na que convivir en paz e sen violencias”, afirmou a edil nacionalista.