Bueu celebra este sábado a XI Travesía a nado Udra- Pescadoira
- Haberá tres saídas diferentes, concretamente desde os areais de Ancoradouro, Mourisca e Beluso
O Concello de Bueu e o Club de Atletismo Corredoiras celebran este sábado, 20 de xullo, a XI Travesía a Nado Udra – Pescadoira, que ten como obxectivoconcienciar sobre a rexeneración deste último areal tal e como vén sendo habitual nos últimos anos. Precisamente este xoves tivo lugar no peirao de Pescadoira a rolda de prensa para a presentación do evento, na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, e Rober Santos, representante do Club Corredoiras.
Ao igual que cada ano, haberá tres saídas diferentes, que variarán segundo a escolla do nadador/a. A primeira sairá ás 11.00 horas da praia de Ancoradouro, cunha distancia a percorrer de 7500 metros. A seguinte será dende Mourisca ás 12 horas, e consta de 4000 metros, e a última será dende a praia de Beluso ás 12.40 horas, e un percorrido de 1500 metros. En todos os casos, a meta será o areal de Pescadoira e agárdase a participación dun total de duascentas persoas, concretamente 75 para o de 7500 metros, 74 para o de 4000, e 51 para o de 1500. Os e as participantes terán que recoller os gorros dorsalizados entre as 9.00 e as 10.00 h no Centro Social do Mar.
A entrega de premios (só no caso do itinerario de 7500 metros) será só para os tres primeiros clasificados/as en feminino e masculino unha vez rematada a travesía. Tamén está previsto que se imparta unha pequena charla informativa no Centro Social do Mar sobre arredor da evolución do areal de Pescadoira e a necesidade da súa rexeneración, unha loita coa que naceu este evento hai agora once anos.