Bueu celebra este domingo a regata de traiñeiras da ACT, estreándose na primeira división do remo
- O peirao da vila acollerá o domingo a partir das 11.25 horas o campionato no que participa o Club do Mar Bueu Simei
- Agárdase a asistencia dos clubs da ACT tanto masculinos como femininos, que sairán segundo a clasificación despois da regata do sábado na Coruña
A vila de Bueu cumpre esta tempada un soño colectivo, pois o Club do Mar Bueu Simei estréase na primeira división do remo e este domingo celébrase na vila de Bueu unha das regatas da Liga Eusko Label- ACT, concretamente a segunda despois da do sábado na Coruña. Con este motivo, hoxe tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello unha rolda de prensa na que participaron Ricardo Verde, concelleiro de deportes de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de turismo, Carmen García, concelleira de cultura, Celso Dopazo, edil de mantemento de vías, Valente Campos, Javier Pazos, e Rosario Freire, do Club do Mar Bueu Simei e Daniel Benavides, Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia.
Dende o Concello, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, destacou que “para Bueu é un pracer acoller este campionato que refrenda a nosa aposta polos grandes eventos deportivos”.
Valente Campos, do Club do Mar Bueu Simei, agradeceu “a todos os organismos que colaboran co evento, sobre todo ao Concello de Bueu que está poñendo todo da súa man para que todo saia ben”.
A regata da Liga Eusko Label ACT deste domingo arrancará ás 11.25 horas co campionato feminino e logo co masculino que se estenderán ata as 14 horas segundo a previsión da organización. Nela agárdase a participación dos clubs da ACT, sendo o Club do Mar Bueu Simei, o Club de Remo Cabo de Cruz (Boiro) e SD Tirán Pereira (en feminino) os únicos galegos. Precisamente, Daniel Benavides, xefe do servizo provincial de deportes, destacou que “a provincia de Pontevedra está moi ben representada nesta super competición da ACT”.
O percorrido iniciarase dende o peirao da vila, e no campionato feminino sairán oito barcos dos clubs Donostia Arraun Lagunak, Orio Orialki, Nordintal Donostiarra, Tolosaldea Arraun Kluba, Hondarribia Bertako Igogailuak, Hibaika Jamones Ancin, CR Cabo da Cruz e SD Tirán Pereira. Mentres, no masculino contarase con doce barcos: Bermeu Urdaibai, Zierbena Bahias de Biskaia, Orsa Hondarribia, Amenabar Donostiarra, Orio Orialki, CR Cabo da Cruz, Getaria, Lekitarra Elecnor, Kaiku Berez Galanta, Ondarrua Kide, San Pedro – Harri e Club do Mar Bueu Simei. A saída no campionato virá da clasificación despois da regata do sábado na Coruña.