Bueu aproba unha moción en defensa dos montes do Morrazo e a prol dun modelo de enerxía eólica sustentábel
- O texto, presentado polo grupo do BNG, saíu adiante no pleno deste mércores cos votos a favor tamén de ACB e PSOE, e en contra do PP
O pleno da corporación municipal bueuesa, celebrado este mércores, deu luz verde á moción en defensa dos montes do Morrazo, e a prol dun modelo de enerxía eólica sustentábel, e xusta fronte ao espolio e a depredación. A proposta, que foi presentada polo grupo do BNG, contou tamén cos votos a favor de ACB e PSOE, mentres que o PP se manifestou en contra.
Segundo apuntou Xosé Leal, voceiro do BNG, durante a súa intervención, “esta moción naceu a raíz da gran preocupación social que existe na comarca ante as noticias de instalación dun posible parque eólico nocivo para o territorio”. Esta preocupación manifestouse en Bueu nunha asemblea masiva celebrada en novembro do pasado ano e na que a Plataforma Eólicos no Morrazo Non organizou unha serie de charlas informativas e divulgativas sobre o que suporía a instalación dun destes parques. Leal incidiu en que “é importante que dende o pleno marquemos o noso posicionamento agora de cara a que a Xunta poida matizar e aclarar as dúbidas” e defendeu que “o noso goberno vai defender sempre as enerxías limpas pero ben pensadas para a nosa realidade, pois non queremos que as compañías eléctricas fagan espolio dos nosos recursos e que sempre o padezamos os mesmos”. Julio Villanueva, voceiro de ACB e vicealcalde do goberno, destacou que “nós estamos a favor dos eólicos, pero deste xeito non”, e José Manuel Vilas, representante do PSOE, tamén manifestou o voto a favor do seu grupo “porque nós estaremos a favor dos proxectos eólicos sempre que cumpran o que teñan que cumprir, non a calquera prezo”, salientou.
Na liña oposta se situou o PP pois, segundo Elena Estévez, voceira do grupo popular, “a día de hoxe, dende a dirección xeral confirmáronme que non existe ningún proxecto presentado, polo que non ten sentido votar ‘non’ cando non hai nada”. A edil propuxo crear unha mesa de traballo na que estean representados voceiros e voceiras da corporación municipal, membros da Plataforma Eólicos do Morrazo Non e das comunidades de montes, e persoal técnico da Xunta, de cara a manter reunións periódicas e ir analizando a situación. Segundo ela, “un parque eólico non se concede sen o cumprimento dos trámites pertinentes, polo que a moción parécenos precipitada, e primeiro teremos que ver o proxecto”.
O alcalde, Félix Juncal, pechou o debate incidindo en que “o problema é que todo isto se tramita dunha forma pouco transparente e que os concellos non temos nin voz nin voto na elaboración dese plan estratéxico”, e continuou “unha hipotética actuación desta envergadura suporía un cambio radical da nosa comarca e creo que ten sentido esta moción agora”.
A sesión plenaria pode verse na canle oficial de YouTube.