Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acollerá o próximo ano o IV Festival Artístico e Solidario Art For Change

  • O evento, promovido polo IES Johán Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu, celebrarase o 10 de maio e estará centrado no benestar e na saúde emocional
  • Alumnado de 4º de ESO e profesorado do centro mantiveron este luns unha reunión coa concelleira de cultura

Bueu volverá ser o escenario o próximo 10 de maio do IV Festival Artístico Solidario Art For Change, que promove o IES Johan Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu, e que estará centrado no benestar e na saúde emocional, tema do proxecto Erasmus+ do centro este curso. Precisamente, este luns, o alumnado de 4º da ESO e o profesorado mantiveron unha reunión con Carmen García, concelleira de cultura, para expoñer as necesidades de cara a este evento que tivo unha gran acollida en anos anteriores, e que xa se atopa asentado no calendario.

A edil salientou que “é unha experiencia bonita que veñades aquí e que esteades levando a cabo un proceso de participación dende o inicio ao final”.

Nesta edición, e segundo avanzou o alumnado, traballarán para concienciar sobre a importancia do coidado do benestar emocional, concretamente da mocidade. Agora mesmo atópanse en pleno proceso de planificación para o que contan con toda a comunidade educativa do centro, con accións como o deseño dunha alfombra floral, o logo, produtos para a venda e investigacións sobre o tema.

O evento terá tamén unha parte solidaria, a través da recadación de fondos para apoiar a entidades sociais da contorna. Neste caso serán a Asociación DOA, adicada ás persoas con enfermidades mentais e a defensa dos seus dereitos, e, aínda pendente de confirmar, outro colectivo da contorna que traballa na formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual. O obxectivo é favorecer os procesos de transformación social a través da arte e da cultura.

Entre as actividades propostas para o festival, haberá concertos, exposicións, exhibición de baile tradicional, exhibición de produtos audiovisuais, obradoiros para todos os públicos, exposición de produtos escolares, como experimentos, poesía, murais matemáticos etc. Ademais, e como vén sendo habitual, convidarase a participar outros centros educativos así como asociacións culturais da contorna.  

O Festival Art For Change naceu no curso 2021/2022 como parte dun proxecto Eramus+ chamado “Oceans of Culture, Culture Of Oceans”, no que se analizou xunto a outros seis países (Lituania, Estonia, Irlanda, Portugal, Francia e Turquía) como vivir a carón do mar enriquece e transforma a vida nas vilas mariñeiras. O proxecto tomou como referencia a Feira da Ciencia e da Literatura organizada en anos anteriores polo mesmo instituto.

Dende o instituto tamén aproveitaron a visita e a reunión de hoxe coa concelleira para agradecer o apoio e colaboración do Concello.