Bueu acollerá o próximo ano o III Festival Artístico Solidario Art For Change
- O evento, promovido polo IES Johán Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu, celebrarase o 27 de abril e pretende concienciar sobre o coidado do medio ambiente e da infancia
- Alumnado de 4º de ESO e profesorado do centro mantiveron este venres unha reunión coa concelleira de cultura
Bueu volverá ser o escenario o próximo 27 de abril de 2024 do III Festival Artístico Solidario Art For Change, que promove o IES Johán Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu, co obxectivo de concienciar sobre a necesidade do coidado do medio ambiente e da infancia, e que terá unha parte artística e outra solidaria. Precisamente, este venres, o alumnado de 4º da ESO e o profesorado mantiveron unha reunión con Carmen García, concelleira de cultura, para expoñer as necesidades de cara este evento que tivo unha gran acollida en anos anteriores, e que xa se atopa asentado no calendario.
Coa cultura celta como eixo central, a idea deste evento é investigar acerca das nosas raíces e da nosa identidade, e dende o centro traballan xa co fin de aumentar o número de actividades e de afluencia de público, tal e como destacaron no encontro mantido coa concelleira da área. O evento, que se celebrará nunha carpa que se situará na Praza Massó, contará tamén cunha parte solidaria, pois o Art For Change ten como finalidade apoiar entidades culturais e artísticas que queiran desenvolver proxectos que impliquen a participación de colectivos en situación de vulnerabilidade ou persoas dunha mesma contorna, co obxectivo de favorecer os procesos de transformación social a través do arte e da cultura. Na actualidade están aínda en proceso de selección de dúas ONGs, relacionadas co medio ambiente e coa infancia, para as que se destinarán os fondos recadados coa venda dos produtos que se elaboren para o festival.
Dende o IES Johán Carballeira convidarase aos centros do municipio e posiblemente a outros das comarcas próximas para que poidan unirse á iniciativa. As opción para poder facelo son variadas, e van dende actuacións musicais, exposicións, obradoiros, teatro etc.
O Festival Art For Change naceu no curso 2021/2022 como parte dun proxecto Eramus+ chamado “Oceans of Culture, Culture Of Oceans”, no que se analizou xunto a ouitros seis países (Lituania, Estonia, Irlanda, Portugal, Francia e Turquía) como vivir a carón do mar enriquece e transforma a vida nas vilas mariñeiras. Tomando como referencia a Feira da Ciencia e da Literatura organiza en anos anteriores polo mesmo instituto, púxose en marcha un festival solidario que recadou, nesa primeira edición, un total de 2.362 € que se repartiron entre as ONGs BDRI e Pallasos sen Fronteiras. No curso seguinte, e seguindo a mesma temática, celebrouse a segunda edición, na que medrou a afluencia de público, e se recadaron case o dobre de cartos, concretamente 4.225 €, que foron a parar a 13 grados e Save the children.