As xornadas ‘Ghallufadas’ traerán esta fin de semana moitos xogos a Bueu
- A carpa da Praza Massó encherase de xogos de mesa e de rol e de charlas sobre diversas experiencias exitosas neste eido
- Este evento pioneiro pretende chegar á mocidade e fomentar o intercambio xeracional, ademais de ser un escaparate para o ocio en galego e a posta en valor de empresas locais
O Concello de Bueu organiza, a través das áreas de cultura e normalización lingüística, unhas xornadas para promover a lingua galega nos xogos de cartas e de rol, e que terán lugar durante a próxima fin de semana na carpa da céntrica Praza Massó, en horario de 11 a 21 horas con parada para comer. O evento pretende chegar á mocidade e fomentar o intercambio xeracional, ademais de ser un escaparate para o ocio en galego e a posta en valor das empresas locais, comarcais e galegas dun sector que vive un gran auxe. Xosé Leal, concelleiro de cultura, salientou na rolda de prensa deste mércores que “é un evento pioneiro que tivo o seu xermolo no Mozarte, e que continuou coas xornadas de videoxogos en galego que se puxeron en marcha o pasado ano”. Na súa compañía estiveron algúns representantes das empresas e creación de xogos participantes, como Gáidil, Tempus Ludit, Ouril Games, Tes terras? e Perfect.
Durante esa fin de semana a carpa permanecerá aberta dende as 11 ás 21 horas e nela haberá propostas de torneos de Warhammer, Kill Team, Rabbitz and Robots, Magic: Pioneer, Spanta, Magic: Duel Commander, Magic: Oathbreaker e Ti non es de aquí?, algúns deles en modalidade para persoas adultas e júnior. Como destacaron as persoas participantes, o que se pretende é achegar o xogo social con numerosos beneficios e transmisión de valores.
Unha das novidades desta primeira edición de Ghallufadas será a creación dun xogo de rol baseado no libro “Travesía por tres momentos da historia de Bueu”, unha idea coa que as persoas xogadoras aprenderán sobre a historia da vila bueuesa tomando como eixes tres grandes temáticas e etapas: a salgadura, o Bueu Romano e Ermelo. Neste sentido, o concelleiro de cultura, apunta que “é unha proposta coa que continuamos a potenciar o noso patrimonio natural e histórico para que a veciñanza coñeza as nosas orixes mentres goza dun anaco agradable, e que poderemos empregar tamén noutros eventos da tempada estival como as festas nas parroquias”. As persoas interesadas en coñecer este xogos poderán achegarse ás mesas de rol do sábado ás 16.30 horas, e do domingo ás 15.30 horas.
Ademais dos xogos, ao longo da fin de semana desenvolveranse charlas con persoas do sector que falarán de proxectos e experiencias exitosas. Alberto Abal, de Corvus Belli, falará o sábado ás 20 horas sobre a creación dunha IP e como é a publicación de xogos por mecenado. O domingo ás 13 horas será a quenda de Lorena Gestido, quen abordará a creación e o deseño de xogos de mesa; e xa ás 20 horas, Eladino Cabanelas, de OZocoGZ, explicará como é editar xogos en galego.
Tanto o sábado como o domingo haberá unha zona libre de xogos de mesa para as persoas que se acheguen a este evento. E tamén se creará un espazo indie que servirá de escaparate para visibilizar e dar a coñecer novos proxectos.
O Concello de Bueu insire este proxecto dentro do programa de normalización lingüística “Bueu e a fala”, a través do cal se implementan estratexias para potenciar a lingua galega en diversos sectores e accións. De feito, o programa arrincou no 2020 con actividades de promoción do audiovisual galego e continuou o pasado ano con charlas e obradoiros en redes sociais e videoxogos, e tamén se puxo en marcha o 1º Certame Mergullándonos no Tiktok. Para levar adiante o proxecto de Ghallufadas, o Concello xa solicitou unha subvención á Deputación Provincial de Pontevedra, e contarase coas empresas colaboradoras Tempus Ludit, Ouril Games, Percalanda e Gáidil.
A programación completa pode consultarse na web do Concello de Bueu e nas redes sociais.