As obras de construción da piscina municipal reanudaranse nos próximos días
- O goberno local mantivo este mércores unha reunión coa empresa adxudicataria e co novo arquitecto municipal, quen asumirá a dirección da obra e a coordinación de seguridade e saúde
As obras de construción da piscina municipal cuberta de Bueu, que estaban paralizadas desde xullo debido á xubilación do arquitecto municipal, reanudaranse nos próximos días. Así o anuncia Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa, tras a xuntanza mantida este mércores nas dependencias municipais con responsables da empresa adxudicataria, o concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva, o vicealcalde e concelleiro de facenda, Julio Villanueva e o novo arquitecto municipal, Francisco Javier Ontañón Clemente, quen asume directamente as funcións da dirección facultativa e a coordinación da seguridade e saúde.
Despois deste encontro, os servizos técnicos municipais visitaron as obras da piscina das Lagoas xunto á adxudicataria, Obras y Servicios Gómez Crespo SL, para ver as cuestións e aspectos técnicos de cara á programación das obras os próximos meses. O goberno local asegura que a piscina se rematará entre os meses de febreiro ou marzo de 2020, polo que se cumprirían os prazos previstos no contrato.
Esta obra foi adxudicada por un importe de 2.259.281 euros e conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio Territorial, que achega 1,5 millóns de euros, e das anualidades do 2018 e 2019 do Plan Concellos, de tal forma que o Concello só farían fronte a menos de 50.000 euros. Esta instalación vai supoñer un gran incremento da saúde e na vida deportiva dos cidadáns e cidadás, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25), se habilitarán diversas salas polivalentes fin de fomentar a práctica doutros deportes. Polo tanto, e como xa se ten destacado en diversas ocasións, non se trata só dunha instalación deportiva, senón que terá unha forte compoñente relacionada coa potenciación de hábitos saudables, cada vez máis presentes e demandados entre a poboación.