As Lagoas acolle esta fin de semana a feira de oportunidade «Bueu Non Stock»
- Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou hoxe na inauguración deste evento que celebra a cuarta edición
- As persoas que desexen visitala poderán facelo durante toda a fin de semana en horario de 10.30 a 14 e de 18 a 22 horas
- Participan vinte e tres comercios da comarca, que ofrecerán descontos de entre o 40 e o 70%, e tamén haberá inchables para a cativada
O aparcadoiro de As Lagoas, na zona dos Xardíns de Urbano Lugrís, acolle esta fin de semana a cuarta edición da feira de oportunidades “Bueu non stock”, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu (ACIBU) e a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), coa colaboración do Concello de Bueu, a Xunta de Galicia e Abanca e que busca que o comercio de proximidade poida vender existencias e stocks de temporadas pasadas con importantes descontos e a prezos moi atractivos. Precisamente, esta mañá tivo lugar a inauguración oficial do evento e as autoridades locais e autonómicas participaron nunha pequena visita polos comercios. Félix Juncal, alcalde da vila, destacou que “esta feira é un bo escaparate para todo o tecido comercial de proximidade” e animou a toda a veciñanza a achegarse.
Na feira haberá descontos de entre o 40 e o 70% e participan un total de vinte e tres comercios da comarca de O Morrazo, na súa maioría da localidade bueuesa: Aleali Zapatería, Artegalia, Chester, Cinaniashop, Colors, Cousiñas de Kela, El rincón de Aria, Eli Miranda, Floristería Verde, Joyería-perfumería Castro, La Capellana, Lencería Irelba, Lirón Store Bueu, Lumar, Melena de León, Mercaroupa, Moda infantil Vicky, Muy Mía, Nene’s moda infantil, Óptica Bueu, OSBS Clothing Two, Pepeluchos e Zapatería Tarabela. O horario da feira será de venres a domingo de 10:30 h a 14:00 h. e de 18:00 h a 22:00 h.
Para dinamizar o evento, coas compras realizadas nas empresas participantes, repartiranse entradas para que os máis pequenos e pequenas poidan gozar dos inchables que se instalarán en horario de tarde.
Ao acto desta mañá tamén asistiron Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Isabel Quintás, tenente de alcalde, Elena Estévez, voceira do PP, ademais de Agustín Reguera, Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, e Gabriel Alén, Director Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.