Alumnado infantil de A Pedra visitou o Concello para coñecer o escudo e a bandeira
- A concelleira Silvia Carballo foi a encargada de recibir aos nenos e nenas e de explicarlles a xénese destes dous símbolos
Un grupo de quince alumnos e alumnas de catro anos do CEIP Plurilingüe A Pedra visitou este mércores as dependencias do Concello de Bueu para coñecer de preto o escudo e a bandeira do municipio. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, foi a encargada de explicarlles a xénese destes dous símbolos que levan o mar como sinal de identidade.
Esta visita foi proposta polo centro educativo no marco dunha actividade que realizaron arredor do escudo e da bandeira, aprobados no 2013 e que a edil definiu como “sinais para que se nos recoñeza en todos os lugares”. Ademais de coñecer esta historia, o alumnado puido ver o salón de plenos e trasladar algunhas peticións.
Dado o interese dos cativos e cativas, o Concello fíxolles entrega dunha bandeira e dun pin co escudo que se se poñerán no centro educativo.