Alumnado de 3º de primaria do Ceip A Pedra coñece o funcionamento do Concello
- O alcalde e concelleiros e concelleiras recibiron este xoves aos nenos e nenas no salón de plenos da Casa Consistorial
Un grupo de dezasete alumnos e alumnas de 3º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra visitou este xoves as dependencias do Concello de Bueu para coñecer o seu funcionamento administrativo, así como os labores do alcalde e dos concelleiros e concelleiras, os servizos municipais, as parroquias… No acto participaron Félix Juncal, alcalde da vila, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Xosé Leal, edil de cultura e ensino, Alberto Moital, de patrimonio, arquivo e bibliotecas, e Agustín Gallego, de mocidade, infancia e normalización lingüística.
A visita enmárcase nun proxecto do centro de investigación sobre a vila de Bueu, e o alumnado tamén trasladou algunhas peticións a acometer nos espazos públicos. Así mesmo, con motivo do cincuenta aniversario do centro, os rapaces e rapazas van entrevistar nas próximas semanas ao alcalde e algúns concelleiros/as que estudaran no colexio.
Ao remate da xuntanza, Félix Juncal, mostrou a súa ledicia “pois é importante que dende as institucións públicas manteñamos sempre contacto coa sociedade para coñecer as súas demandas”, e “a infancia debe ser escoitada, de aí que estas visitas sexan moi proveitosas”.
Os nenos e nenas levaron unha bolsa de agasallo do Concello con dous libros infantís: «Bueu, Gozosos Anos 30» de Polo Correo do Vento, e «Leonardo e os fontaneiros» de María Victoria Moreno.