Afamo organizou en Meiro unha celebración dedicada aos ‘Maios’
- Esta actividade de convivencia interxeracional tivo lugar hoxe ao mediodía no exterior da Casa da Aldea de Meiro
A contorna da Casa da Aldea de Meiro acolleu este venres un acto festivo organizado para lembrar a tradición dos Maios. Esta iniciativa partiu da Asociación de Familiares de Persoas Afectadas de Alzheimer do Morrazo (Afamo) e contou coa participación da asociación veciñal A Morada e de alumnado do CPR Virxe Milagrosa.
Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo de Bueu, participou neste acto, tras o que destacou que “é importante que se fomenten actividades de convivencia interxeracional, na que pequenos e maiores compartan o seu tempo e o seu saber”.
Afamo botou a andar no ano 2000, e coas súas múltiples actividades buscan contribuír ao benestar das persoas afectadas de demencia e das súas familias, a través dunha atención integral e especializada, promovendo o envellecemento activo e a prevención, proporcionando recursos e servizos que respondan ás súas necesidades buscando unha maior implicación da sociedade. Por iso, dende marzo deste ano, co apoio do Concello de Bueu, habilitaron unha nova sede na vila, que se sitúa nas dependencias da Casa da Aldea de Meiro, onde prestan servizos de atención para as persoas afectadas, a través da unidade terapéutica de demencias; e tamén se informa ás familias e á cidadanía en xeral nas diversas actividades.