Ábrese a inscrición para a nova actividade de desenvolvemento de guión do FICBUEU 2020
A organización do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu lanza unha nova actividade de desenvolvemento de guión que se celebrará no marco da 13ª edición do certame, aínda que o prazo de inscrición está aberto desde hoxe ata o 30 de xuño. As persoas interesadas en participar deberán enviar o guión do seu proxecto de curta a través do formulario dispoñible na web www.ficbueu.com, onde tamén se poden consultar as bases completas da iniciativa. A asociación FICBUEU seleccionará catro propostas que despois serán titorizadas por integrantes da AGAG nun obradoiro que terá lugar o 12 de setembro.
Entre as finalidades do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que este ano se celebrará do 11 ao 19 de setembro, áchase a de fomentar os novos valores do audiovisual e, especialmente, os do audiovisual galego. Neste obxectivo encádrase a actividade coa Asociación Galega de Guionistas, que permitirá impulsar proxectos de autoras e autores galegos, poñéndoos en contacto con profesionais da industria que contribuirán ao seu fortalecemento.
As bases establecen que a participación está aberta a todos os guións de curtametraxe que aínda non teñan sido filmados, aínda que o proceso de preprodución pode atoparse en calquera fase. Poderán concorrer á convocatoria todas as persoas de orixe galega ou que estean estudando ou asentadas na nosa Comunidade Autónoma. Tamén se aceptarán guións ambientados en Galicia ou que aborden unha temática fundamentalmente galega. No entanto, o tema das obras será libre e cada participante poderá presentar tantos textos como desexe, sempre no formato profesional que se adoita empregar no audiovisual. Os guións deberán corresponderse con produtos audiovisuais dun máximo de 30 minutos de duración.