Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A piscina municipal de Bueu celebra o seu primeiro ano de vida

• As cifras de asistencia neste período demostran que a infraestrutura segue afianzándose coma un gran centro deportivo e de saúde
• O goberno local agarda contar coas instalacións completamente operativas no último cuadrimestre do ano

A piscina municipal cuberta de Bueu, situada nas Lagoas, celebra o seu primeiro ano de vida con gran éxito de usuarios e usuarias. As estatísticas achegadas pola empresa encargada da xestión indican que dende o 29 de marzo do pasado ano e o 26 de marzo deste 2022 a piscina recibiu 22.700 visitas. Delas, 11.567 son homes e 11.133, mulleres, e a franxa horaria máis utilizada continúa a ser a das tardes.
Neste primeiro ano de vida, o Concello abriu a piscina de forma gratuíta co obxectivo de dar a coñecer as instalacións á cidadanía aínda que cun horario reducido e soamente con acceso ao vaso. Agora, os servizos técnicos e xurídicos do Concello están ultimando todos os documentos para en abril licitar o servizo de xestión dos próximos anos- Dende o goberno local subliñan que se trata dun expediente complexo, no que son precisos varios documentos: un regulamento de funcionamento, a ordenanza fiscal na que se se regulan os prezos públicos para os usuarios e usuarias, o propio contrato para a xestión do servizo e a licitación do subministro do equipamento das salas deportivas, que se realizará a través dun renting.
O Concello confía en que as instalacións poidan estar completamente operativas e adxudicadas a través dun contrato de xestión de servizos no último cuadrimestre do ano, unha previsión que tamén está a expensas da actual situación económica.
O goberno dispón dun borrador de cadro de tarifas, que en todo caso deberá ser revisado e podería sufrir pequenas variacións. Nel recóllese unha matrícula de 25 euros, un abono individual que se sitúa nos 26,95 euros e unha entrada xeral para as persoas non abonadas que custaría 5,95 euros, ademais de abonos familiares.
O documento máis importante é o que debe permitir a licitación da xestión, a través dun contrato de servizos, unha modalidade na que a administración se reserva parte das funcións para ter unha maior supervisión das instalacións. Así, por un lado sacarase a concurso a xestión deportiva e a limpeza da infraestrutura municipal a través dun contrato de servizos; mentres, por outro, o Concello contratará a empresas especializadas que se encargarían dos controis sobre a calidade da auga e a climatización da piscina. Así garantirase un maior control e vixilancia sobre o corazón da piscina municipal, onde se apostou por unha solución construtiva e unha maquinaria que supoñen unha das grandes apostas do proxecto a nivel ambiental e de aforro de custes.
Polo de agora, o Concello continúa coa apertura da piscina de forma gratuíta e en horario de luns a venres de 09.00 a 12.00, e de 17.00 a 21.00 h, e os sábados de 09.00 a 12.00 horas.As persoas que queiran inscribirse ou coñecer as instalacións poderán chamar ao teléfono 986138689, ou escribir ao correo electrónico piscina@concellodebueu.gal.

Reservas por sexo entre marzo de 2021 e marzo de 2022
Reservas totais por mes
Reservas por franxa horaria