A parroquia de Beluso xa conta cun Centro de Compostaxe Comunitaria
O Concello de Bueu inaugurou este venres, 28 de maio, o Centro de Compostaxe Comunitaria de Beluso. Así, entre as 10 e as 13.30 h instalouse unha mesa informativa no aparcadoiro de Beluso, na que a mestra composteira informou á veciñanza sobre como participar no composteiro para reciclar a materia orgánica. Moitas persoas achegáronse ata o aparcadoiro da Rúa Nova para recoller mostras de compost, plantas, e bolsas de tea, e inscribirse para contar cun composteiro individual nas súas vivendas.
O composteiro foi instalado grazas ás subvencións concedidas pola Xunta de Galicia, cofinanciada con fondos FEDER, e máis o Plan Revitaliza da Deputación Provincial de Pontevedra. A cidadanía que desexe participar deberá separar moi ben os restos orgánicos na casa (restos de comida, crus ou cociñados) e, unha vez depositados no composteiro, cubrilos ben co triturado de madeira que sempre hai dispoñible no caixón de estruturante. Unha vez o compost estea elaborado, será repartido entre a veciñanza para que se realice uso del.
A compostaxe leva funcionando na vila bueuesa dende hai xa máis de cinco anos, cando se instalaron os dous centros comunitarios na rúa Xosé María Estévez e en Pazos Fontenla, nos que se xestionan máis de 30 toneladas ao ano de biorresiduos. Amais, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de Sogama, o Concello repartiu preto de 150 composteiros individuais entre a poboación interesada; e xestionouse a instalación en case todos os centros educativos da vila. Ademais, nos próximos meses xestionarase o reparto doutro lote de composteiros individuais, que a cidadanía poderá solicitar cubrindo un formulario na páxina web municipal.
Segundo salienta Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, “dende hai un ano contamos cunha mestra composteira, o que nos permitiu dar un gran salto de cualidade en materia medioambiental”.