A Mancomunidade do Morrazo promove unha campaña de reciclaxe de aceites usados e reparte funís entre a cidadanía
- A Mancomunidade de Concellos do Morrazo solicitou unha axuda para levar a cabo unha campaña na que se repartirán 9000 funís e folletos
- As persoas interesadas en contar cun funil ou saber máis sobre o proxecto poderán achegarse este xoves á mesa informativa que se situará na contorna da Praza de Abastos
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo promove unha campaña informativa da recollida separada de aceite de cociña usado para destinalo á valorización para a obtención de biocarburante, e por iso repartirá de balde un total de 9000 funís entre a cidadanía da comarca que o solicite. O ente supramunicipal conseguiu para iso unha subvención de preto de 7.000 € á Xunta de Galicia que conta co financiamento do fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da EU no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, da Unión Europea – Next GenerationEU.
Aproveitando a axuda vaise levar a cabo unha campaña informativa de recollida separada de aceite de cociña usado, que consistirá no reparto dos funís e folletos entre a poboación co obxectivo de fomentar a reciclaxe deste residuo. Precisamente, este xoves, 15 de decembro, disporase na contorna da Praza de Abastos de Bueu entre as 10 e as 12 horas unha mesa na que se fará reparto deste material por parte da mestra composteira municipal. Así e todo, a veciñanza que non poida asistir e queira dispoñer dun funil poderá solicitalo a través do correo info@mancomunidadedomorrazo.gal ou dirixirse presencialmente ao Concello.
O obxectivo da campaña é concienciar á poboación, pois está demostrado que 1 litro de aceite pode contaminar ata 1000 litros de auga, sendo un dos materiais máis daniños para os nosos mares e ríos. Así mesmo, e segundo se explica nos materiais informativos, a eliminación do aceite doméstico nas depuradoras é moi custosa e pouco eficiente, crea atoamentos nas tubaxes e favorece a aparición de malos cheiros, ademais de impedir o intercambio de osíxeno nos ríos asfixiando aos seres vivos. Pola súa parte, reciclar este material ten moitas vantaxes, pois co aceite recollido pode obterse un combustible renovable e máis respectuoso co medio ambiente, e cada tonelada de aceite recollido e transformado en biocarburante representa un aforro de 3 toneladas en emisións de CO2.
De todo iso informarase na mesa programada para mañá en Bueu, e tamén nas que se organizarán ao longo dos próximos días no resto de municipios da Mancomunidade.