A Mancomunidade do Morrazo felicita a FECIMO polo recente premio nacional de comercio
- O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu o acto no que estiveron presentes representantes dos gobernos dos tres municipios da comarca e do comercio
- Félix Juncal transmitiu o “noso agradecemento e recoñecemento por este premio, sobre todo polo voso compromiso dende o principio co comercio, o emprego e a economía da comarca, e tamén coa vida social”
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este mércores un recibimento á Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), organizado dende a Mancomunidade de Concellos do Morrazo para recoñecer a este colectivo que o ano pasado acadou o Premio Nacional de Comercio 2021 na categoría de Centros Comerciais Abertos. No acto estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual da Mancomunidade, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica de Bueu, Victoria Portas, rexedora de Cangas, Marta Freire, tenente de alcaldesa de Moaña, Odilo Barreiro, concelleiro de medio ambiente de Moaña, Ana Ave, presidenta de FECIMO e de ACIBU, e Mª Carmen Fervenza, presidenta de ACICA (dende os comerciantes de Moaña non puideron asistir).
Félix Juncal, en representación dos tres concellos, deulle os parabéns á federación morracense que acadou este premio nacional de comercio que concede o Ministerio de Industria, e que se consegue por primeira vez na provincia de Pontevedra. “Queremos transmitirlles o noso agradecemento e recoñecemento por este premio tan merecido, sobre todo polo voso compromiso dende o principio co comercio, o emprego e a economía da comarca, e tamén coa vida social”, salientou Juncal.
Pola súa banda, Ana Ave, quen recibiu como agasallo unha figura de Rosalía de Castro de Sargadelos, destacou que “neste traballo é moi importante contar cos nosos socios, grazas aos que continuemos pelexando para que o comercio local e de proximidade do Morrazo siga adiante, para que sexamos máis fortes e máis eficaces”.
O galardón consistiu nun premio económico dotado con 15.000 euros, que recoñece o asociacionismo comercial, orientado á promoción dos centros comerciais abertos (CCA) e a potenciación e desenvolvemento dos seus órganos de xerencia. Estes galardóns, que no ano 2021 celebraron a súa 24ª edición, contaron con tres modalidades que recoñecen anualmente a xestión dos concellos nas súas actividades de renovación urbana en apoio ao comercio local, aos pequenos comercios e ás asociacións de centros comerciais, así como no seu labor de desenvolvemento, modernización, dixitalización e sustentabilidade do sector comercial.
Este premio chega nun momento con gran valor simbólico engadido, con moitos traballos, ideas e esforzos que a Federación puxo en marcha tras o que, posiblemente, vai a ser lembrado como un dos peores momentos a comerciais para o pequeno comercio e a hostalaría, derivado do confinamento e as restricións provocadas pola Covid-19.