A Illa de Ons xa conta con paneis interpretativos do patrimonio
-
A actuación, cun orzamento de 12.043,13 €, contou cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente
-
O obxectivo é cubrir as necesidades de interpretación de diversos elementos patrimoniais así como conformar unha ruta de sendeirismo circular con orixe e fin no peirao da illa
A Illa de Ons xa conta con paneis interpretativos para a divulgación do seu patrimonio. No marco dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, os paneis axudarán na difusión da historia que se atopa detrás do Castelo da Roda, do Castro de Castelo dos Mouros, do Xacemento romano de Canexol e da Laxe do Crego, entre os que ademais se fixo unha ruta de sendeirismo circular, con orixe e fin no peirao de Ons.
A subvención ascendeu a un importe de 12.043,13 €, IVE incluído, e, segundo salienta o concelleiro de medio ambiente, Adrián Ferrer, “con ela solucionouse a falla de información turística e interpretativa destes espazos que se atopaban mencionados en diverso material xenérico do Parque Nacional, aínda que a maioría non contaban con infraestrutura in situ para a súa interpretación e divulgación entre a cidadanía”.
Con esta proposta, o Concello continúa apostando pola defensa e divulgación do patrimonio arqueolóxico, cultural e etnográfico dun espazo con tanta historia como a Illa de Ons, onde hoxe só residen uns poucos veciños e veciñas, pero que no pasado chegou a reunir a máis de cincocentas persoas.