A fonte cibernética revoluciona a Praza Massó de Bueu
- Con este proxecto rexenérase o espazo do canabal e do estanque de Massó, mediante a instalación dunha fonte transitable con diversos elementos de lecer
- A actuación fíxose con cargo ao Plan Concellos 2017, e a empresa Rocas Graníticas del Condado resultou adxudicataria cun importe de 48.375,80 €, IVE incluído
Un dos espazos máis emblemáticos e utilizados do Concello de Bueu, a Praza Massó, loce xa unha imaxe renovada. E é que as obras de construción dunha fonte cibernética transitable, con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, xa están case ultimadas, tal e como puideron comprobar in situ este xoves o alcalde da vila, Félix Juncal, e os concelleiros/as Silvia Carballo, Ana Isabel Otero, María José Pérez e Xosé Leal.
A empresa Rocas Graníticas del Condado resultou a adxudicataria desta actuación cun importe de 48.375,80 €, IVE incluído. Así, o obxectivo prioritario é adecuar un espazo que actualmente se atopaba obsoleto, dado o mal estado de conservación do estanque que impedía o goce pleno da cidadanía. As obras contemplaron a execución de recheo, pavimentación, instalación dunha fonte cibernética transitable así como a adaptación da contorna para persoas con mobilidade reducida.
A fonte conta con iluminación LED e cun sistema interactivo de xogo, co que se reforzará o carácter lúdico da Praza Massó, que fora creada no 2009 como unha zona de lecer e de celebración de diversos eventos ao aire libre. O espazo ocupado pola fonte é de aproximadamente 7,00 m x 7,40 m e sitúase xustamente onde estaba o estanque anteriormente.
Ademais, esta instalación funcionará en circuíto pechado, non precisándose máis achega de auga que o necesario para repoñer as perdas causadas pola evaporación e o vento, e tamén se prevé a instalación de equipos de tratamento e cloración que garantan a calidade da auga.
Por último, o proxecto contempla a mellora do espazo con outros mecanismos como son a iluminación, e a instalación de paneis informativos e de sensores pisadores.