A corporación municipal únese nunha declaración conxunta de reivindicación polo Día Internacional das Mulleres
- A proposta foi ratificada na sesión plenaria deste luns, e fai fincapé na necesidade de loitar pola igualdade real entre mulleres e homes
- No pleno tamén saíu adiante a aprobación inicial do Inventario de Camiños da parroquia de Bueu
O pleno da corporación municipal bueuesa, que se celebrou este luns no Centro Social do Mar, mostrou o seu apoio por unanimidade á declaración reivindicativa con motivo do Día Internacional das Mulleres. Este texto, que fai fincapé na necesidade de loitar pola igualdade efectiva e real entre mulleres e homes, foi asinado polos catro grupos da corporación (BNG, ACB, PP e PSOE), e alerta da necesidade de ofrecer unha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres. Así mesmo, denuncia a preocupación polo aumento da fenda de xénero por mor da destrución e altas taxas de emprego temporal nas mulleres, e incide na urxenciade que se destinen máis recursos xudiciais, asistenciais, económicos e de protección para tentar erradicar as desigualdades.
Este texto lerase tamén na concentración feminista convocada polo Concello ás 12 h do mediodía, e con el preténdese concienciar á cidadanía, pois, como se apunta na declaración, “os datos entresacados de numerosos estudos son demoledores en canto a estas desigualdades que sofren as mulleres e que se manifestan de múltiples formas e a diversos niveis; o que demostra que a vida das mulleres é manifestamente peor que a dos homes en todos os ámbitos”.
O pleno de onte tamén serviu para aprobar inicialmente o inventario de camiños de titularidade municipal da parroquia de Bueu, que saíu adiante cos votos favorables dos grupos de goberno (BNG e ACB) e as abstencións de PP e PSOE. Segundo apuntouMartín Villanueva, concelleiro de urbanismo, “para a elaboración deste inventario contamos cun proceso de participación cidadá previo, e reunímonos coas comunidades de montes e asociacións veciñais”. Esta aprobación súmase á dos inventarios das parroquias de Cela e Beluso, e permitirá dotar ao Concello dunha maior seguridade xurídica no quefacer diario e á hora de acceder a subvencións que requiran da acreditación da titularidade de viais. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que “os inventarios de camiños das tres parroquias suman unha década de traballo, aínda que estamos ante documentos vivos que poden ir mudando coas achegas da cidadanía”. Tras esta aprobación inicial, e a posterior publicación no BOPPO, abrirase un período dun mes de exposición pública para recollida de alegacións antes de que o expediente sexa aprobado definitivamente.
Así mesmo saíu adiante a proposta de alcaldía de aprobación da addenda ao convenio para que a comunidade autónoma de Galicia asuma o desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios dos corpos da policía local e auxiliares. Segundo o alcalde, “isto significa renovar o convenio polo que a Xunta se fai cargo dos procesos selectivos das prazas de policías locais, o que permite traballar con máis previsión e descargar a presión dos concellos”.
Por último, as dúas mocións presentadas polo PP non prosperaron, ao contar cos votos en contra dos grupos de goberno. A primeira era relativa ao mantemento urxente do campo de fútbol da Graña, contra a que o goberno manifestou que “a planificación a xestión é a nosa competencia, e non compartimos esa visión catastrofista”. A segunda reivindicaba a solicitude de subvencións para a instalación dunha rede de recarga de vehículos eléctricos. Neste caso, Xosé Leal, voceiro do BNG, destacou que “o goberno debe priorizar as propostas, e actualmente só contamos con 22 coches eléctricos na vila, polo que agora non é o momento de investir esforzos nisto, aínda que está enriba da mesa para máis adiante”.
A sesión plenaria pode verse na canle oficial de YouTube.