Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A corporación municipal de Bueu celebrou o primeiro pleno do ano 2025

  • Aprobáronse varios asuntos de trámite, como a modificación da mesa de contratación do pleno e das comisións informativas, ou a Conta Xeral do ano 2023
  • As mocións sobre o coidado das parroquias e a dinamización da Praza de Abastos, presentadas polo edil non adscrito Daniel Chapela, non saíron adiante

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 20 de xaneiro, o primeiro pleno do ano 2025 que comezou cun minuto de silencio na memoria de Bernardino Graña, poeta do mar falecido a pasada fin de semana.

Foi unha sesión na que se aprobaron varios asuntos de trámite, como a Conta Xeral do ano 2023, a modificación da composición da mesa de contratación do pleno, a modificación das comisións informativas e unha autorización de compatibilidade para o profesor de música municipal. No debate estiveron tamén dúas mocións presentadas por Daniel Chapela, concelleiro non adscrito, relativas ao coidado das parroquias e á dinamización da Praza de Abastos, que non saíron adiante.

A Conta Xeral 2023 aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e o edil non adscrito, coa abstención do PP. Na súa quenda de intervención, Daniel Chapela, botoulle en cara ao goberno “a pésima planificación do traballo” e incidiu en que “se lle deberían facer caso ás advertencias que fan os técnicos nos seus informes e adoptar medidas”. 

O outro dos asuntos foi a composición das comisións informativas, nas cales houbo que cambiar a proporcionalidade dos grupos debido á marcha de Chapela do PP a finais do pasado ano. Así, a nova proposta propón que nas comisións estarán catro edís do BNG, tres do PP, un do PSOE e un do grupo non adscrito. A proposta aprobouse por unanimidade.

A continuación Daniel Chapela deu lectura á moción presentada sobre o coidado das parroquias. Nela aludía á carencia de servizos como o saneamento e abastecemento, arranxos de viais ou rozas e á escaseza de investimento do goberno local, “tal e como observamos mes a mes nestes plenos onde a veciñanza mostra as súas queixas”. Polo tanto, o que o edil solicitaba é máis investimento do Concello de Bueu nas parroquias, pero tamén esixir responsabilidades ás demais administracións que teñen competencias, caso da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Celso Dopazo, concelleiro de mantemento de vías, foi o primeiro en tomar a palabra para contestarlle e incidiu en que “tanto no 2024 como no 2025, case o 90% do Plan + Provincia vai destinado ás parroquias con obras de saneamento e abastecemento na súa maioría”. Na mesma liña interveu Xosé Leal, voceiro do BNG e edil de facenda, quen definiu a moción como “catastrofista”. O edil fixo fincapé en que “os gobernos do BNG foron sempre un exemplo de reequilibrio nos lugares e aldeas, e iso podemos exemplificalo en Ermelo, que estivera abandonado durante moito tempo”. A moción non saíu adiante ao contar só co voto favorable de Chapela, en contra dos grupos de BNG e PSOE e a abstención do PP.

Por último tivo lugar o debate arredor da moción sobre a dinamización da Praza de Abastos. Chapela incidiu en que este lugar “foi perdendo negocio nos últimos anos, polo que é importante aplicar medidas de dinamización”, como a licitación dun restaurante na parte alta onde se cociñen produtos do propio mercado. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica, apuntou que “eses establecementos de restauración noutras prazas de abastos galegas non están funcionando moi ben e non cremos que Bueu sexa unha excepción”. A edil mostrouse a favor da necesidade de dinamización da Praza e por iso “estamos en busca dunha consultaría que nos fará a diagnose co fin de obter o selo de mercado excelente e conseguir subvencións nesta liña”. En vista diso, Chapela solicitou retirar a moción, “á espera de poder ter esa diagnose e ver que se di nela”.