A corporación municipal de Bueu aprobou nun pleno extraordinario o inventario de camiños de Bueu e a segunda prórroga do contrato do SAF
A corporación municipal de Bueu celebrou este mércores, 31 de xullo, unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou definitivamente o inventario de camiños de titularidade municipal da parroquia de Beluso, e tamén a prórroga da segunda anualidade do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, destacou que “tras a aprobación inicial do inventario de camiños de Bueu, recolléronse alegacións por parte da veciñanza e de colectivos, e agora toca aprobalo definitivamente”. Con este trámite xa quedan aprobados e en vigor os inventarios das tres parroquias, e que “nos permite contar cunha ferramenta de traballo áxil e moi útil, sobre todo á hora de acreditar a titularidade pública dos viais no caso das subvencións, ou nas relacións co Catastro”, explicou Villanueva. A proposta saíu adiante cos votos favorables de BNG e PSOE e a abstención do PP.
Este documento, que vai ser dinámico e suxeito a posibles cambios, recolle máis de 180 camiños municipais. Os criterios que se tiveron en conta á hora de incluír un camiño dentro do inventario foron o cumprimento de dúas condicións: que apareza recollido no catastro actual como vía de comunicación de dominio público, e que o camiño presente sinais externas moi evidentes do seu uso público. Ademais, terá que ou ben aparecer o trazado do camiño nos planos da Normas Subsidiarias Municipais de 1986 ou que apareza grafado na cartografía catastral do 1956.
Os camiños inventariados están relacionados en fichas, cada unha das cales contén a seguinte información: identificación do camiño mediante código, parroquia e denominación, localización cartográfica e catastral, coordenadas do punto de inicio e remate, o tipo de inmoble, a súa natureza xurídica e o seu título de adquisición, medicións relativas á súa lonxitude e ancho medio, as características do pavimento, a existencia ou non de servizos de abastecementos de auga, rede de sumidoiros, iluminación pública ou electricidade, e as cesións feitas para a regularización do vial, se existen.
A proposta de prórroga da segunda anualidade do contrato do Servizo de Axuda no Fogar aprobouse por unanimidade de toda a corporación. O contrato asinouse no 2021 coa empresa Idades SL e inclúe dúas prórrogas, polo que, segundo avanzou o alcalde, ao longo destes meses “xa teremos que ir preparando unha nova licitación”.