A corporación municipal bueuesa celebrou a sesión plenaria ordinaria de xullo
- O pleno aprobou unha moción presentada polo PP para a instalación de tótems tecnolóxicos por diversos espazos da vila
- A outra moción dos populares, relativa á inclusión de carteis de auga potable nas fontes, foi rexeitada polo goberno local por “non adaptarse á normativa sanitaria vixente”.
O Centro Social do Mar acolleu este luns, 5 de xullo, unha sesión plenaria ordinaria na que se debateron dúas mocións presentadas polo Partido Popular. A primeira delas propoñía a instalación dunha serie de tótems tecnolóxicos en diversos puntos da vila, co fin de que a cidadanía poida estar informada sobre actos culturais, deportivos e sociais, axudas e subvencións, campañas de concienciación, actividades turísticas ou teléfonos de interese. A moción contou co apoio dos grupos da corporación BNG, PP e PSOE, mentres que ACB votou en contra. Xosé Leal, voceiro do BNG e concelleiro de innovación tecnolóxica, asegurou que o goberno estudará a iniciativa, o seu custe e as fórmulas para poder levala a cabo cando sexa posible.
O PP tamén presentou outra moción ao pleno, relativa á protección da salubridade pública en fontes e lavadoiros, e na que se reclamaba “a actualización e reposición que advirte do estado da potabilidade da auga nas fontes, garantindo a súa lexibilidade para toda a cidadanía”. Esta proposta foi rexeitada polo goberno pois, en palabras do alcalde, “dende as autoridades sanitarias desaconsellan poñer eses carteis nas fontes de auga natural”. Félix Juncal apuntou que “dende hai catorce anos, dende o goberno local levamos a cabo un control das fontes dos diversos lugares con análises de auga periódicas, aínda que por parte do laboratorio sempre se nos di que eses resultados poden variar dun día para outro e por iso os carteis non sería acertado colocalos”. A moción contou cos votos a favor do PP, en contra de BNG e ACB e a abstención do PSOE.
O pleno celebrouse de forma presencial no Centro Social do Mar con todas as medidas de seguridade, aínda que tamén se continuou coa fórmula de retransmisión en directo dende a canle de YouTube do Concello de Bueu.