A corporación municipal aprobou definitivamente o novo regulamento de venda ambulante
- O pleno tamén debateu dúas mocións presentadas polo PP: unha facía referencia ao uso do edificio do Porto de Beluso e outra aos galiñeiros
A corporación municipal de Bueu aprobou definitivamente e por unanimidade a modificación do regulamento de venda ambulante, un texto que substitúe a normativa anterior, que databa de 2005 e adáptase á lexislación actual. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, explicou na sesión plenaria que constaban dúas alegacións pero foron desestimadas por cuestións de legalidade. Así “a proposta recolle un texto no que levamos traballando moito tempo e que se consensuou co colectivo de venda ambulante, regulando demandas que nos viñan solicitando dende hai tempo, como as transmisións ou a venda de excedentes do campo”.
Dende hai moitos anos, o Concello de Bueu organiza diversos mercados ambulantes semanais os luns e xoves, nos que se ofrece tamén a venda de produtos do campo. O regulamento actual pretende dar resposta ás demandas tanto do colectivo de vendedores e vendedoras como das persoas consumidoras. O texto, que entrará en vigor unha vez que se publique no BOPPO, recolle cuestións como o concepto e as modalidades de venda ambulante, os suxeitos de venda, os requisitos para o exercicio da actividade económica, as competencias municipais, o réxime e procedemento das autorizacións, o contido da solicitude, o rexistro de vendedores ambulantes, os dereitos e as obrigas, o réxime sancionador, as condicións específicas para cada modalidade de venda, e un apartado específico para a venda de produtos excedentes do campo.
O pleno tamén debateu dúas mocións presentadas polo PP. A primeira delas facía referencia ao uso público do edificio do porto de Beluso. Elena Estévez, voceira do grupo popular, explicou que “hai vinte anos que se fixeron estas instalacións, pero a parte de arriba quedou sen desenvolver, polo que sería útil que Portos a recuperase”. Xosé Leal, voceiro do BNG, anunciou a abstención do grupo nacionalista “porque cremos que Portos ten contas pendentes máis importantes con Bueu, como é o caso da rexeneración da praia de Pescadoira”. Na mesma liña interveu Isabel Quintás, dende o PSOE, quen tamén desexou “que oxalá se faga algo despois de tantos anos”. A proposta saíu adiante ao contar cos votos a favor do PP, e as abstencións de BNG e PSOE.
Na segunda das mocións abordouse o uso dos galiñeiros, e nela destacouse que é preciso que a normativa estatal atenda as especificidades do agro galego e dos galiñeiros de autoconsumo. Os grupos manifestaron o seu apoio, polo que a moción saíu adiante por unanimidade. Por último, Daniel Chapela, dende as bancadas do PP, presentou unha interpelación para que Ricardo Verde, concelleiro de deportes e saúde animal, interviñese e explicase os trámites nos que se estaba o convenio coa Asociación Protectora de Animais do Morrazo e o incremento da contía do mesmo. Verde apuntou que se está ultimando o borrador do convenio para enviarllo ás persoas responsables da entidade.