A corporación de Bueu mostra o seu apoio unánime ao sector do mar
- O pleno aprobou unha moción de redución ao 4% do IVE nos produtos pesqueiros e outra sobre a eliminación das modificacións do Regulamento de Control Europeo da UE sobre a pesca artesanal
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 7 de xuño, a sesión plenaria ordinaria na que os catro grupos políticos (BNG, ACB, PP e PSOE) mostraron o seu apoio unánime ao sector do mar e, concretamente á pesca artesanal, a través da aprobación de dúas mocións. Unha delas, presentada polo BNG, fai referencia á solicitude de baixada ao 4% do IVE nos produtos pesqueiros, reivindicando o peixe e os mariscos como bens de primeira necesidade, tal e como se demostrou durante o confinamento. Ademais, no texto da moción solicítase levar a cabo unha campaña para por en valor os produtos do mar, fundamentais nunha dieta sa e equilibrada, con especial énfase entre a infancia e a mocidade.
A outra, nacida a instancias da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, demanda a eliminación das modificacións do Regulamento de Control Europeo da UE 1224/2009 con respecto á frota artesanal, e nela reivindícase unha defensa da pesca artesanal, que é a maioritaria na Galiza. Esta moción compleméntase cunha serie de concentracións e de parada da actividade algúns venres que están levando a cabo os mariñeiros bueueses e doutras confrarías galegas.
No pleno de onte tamén se sacaron adiante os requirimentos previos de adxudicación do contrato de axuda no fogar (SAF) e do servizo de colaboración na xestión tributaria, censual, inspectora e recadadora. Así, o que se fará é solicitar a documentación ás empresas que presentaron as ofertas economica e tecnicamente máis vantaxosas (no do SAF, soamente concorre Idades SL, e na de xestión tributaria, a mellor é GTT), co fin de continuar cos expedientes de adxudicación.
Por último, o PP presentou unha moción para instar á creación e instalación da personaxe de Dora do artista local Luís Davila ‘O Bichero’, unha proposta que foi rexeitada polo goberno municipal. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, apuntou que leva un ano de conversas co debuxante e que “xa tiñamos unha proposta pechada de escultura que tivemos que paralizar debido á Covid-19”. Polo tanto, o goberno considera que o PP presenta, unha vez máis, unha moción “oportunista”, de aí que finalmente non saíse adiante, ao contar cos votos en contra de BNG e ACB e a favor de PP e PSOE.
O pleno celebrouse de forma presencial no Centro Social do Mar con todas as medidas de seguridade, aínda que tamén se continuou coa fórmula de retransmisión en directo dende a canle de YouTube do Concello de Bueu.