A contorna do Estaleiro de Purro acollerá un obradoiro sobre dereitos humanos para a cativada
- A iniciativa está organizada polo Concello de Bueu, a Fundación Gabarrón, e a Asociación Veciñal d Banda do Río
- Baixo o lema de “Kids 4 Human Rights”, o taller celebrarase o 24 de agosto, entre as 10 e as 12 horas, na contorna do Estaleiro de Purro
- Amais de gozar do obradoiro, as persoas participantes poderán enviar a súa obra ao concurso internacional de pintura #Kids4HumanRights
O Concello de Bueu, a Fundación Cristóbal Gabarrón e a Asociación Veciñal da Banda do Río poñen en marcha a 2ª edición do obradoiro “Kids 4 human rights”, unha proposta que coincide co 75 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, e que este ano leva por lema “Arriba polos dereitos humanos”.
A nova edición do obradoiro, que xa se celebrou en Bueu hai cinco anos con motivo do 70 aniversario, será o xoves 24 de agosto na contorna do Estaleiro de Purro na Banda do Río de 10.00 a 12.00 horas. Precisamente, e como avance, este venres tivo lugar a rolda de prensa para a presentación do evento na contorna do Estaleiro, e na que estiveron presentes Carmen García, concelleira de cultura, Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo, Cris Gabarrón, presidente da Fundación Gabarrón e fillo do artista Cristóbal Gabarrón, e representantes da Asociación Veciñal da Banda do Río.
Carmen García salientou que “tras o éxito da primeira edición, o Concello volve apoiar esta iniciativa, xa que é importante traballar os dereitos humanos nas idades máis cativas”. Pola súa banda, Cris Gabarrón apuntou que “é unha honra estar en Bueu, unha vila que aposta pola promoción e a difusión dos dereitos humanos, e que acolle este obradoiro que pretende formar nenos e nenas con maior humanidade e tolerancia”. Despois dunha primeira edición con máis de 200 nenos e nenas participantes, o artista internacional Cristóbal Gabarrón buscará concienciar aos nenos e nenas para que coñezan os dereitos e os defendan. Ademais, o obradoiro contará coa participación de artistas locais que se irán confirmando nas próximas semanas.
O prazo de inscrición abre este venres e as persoas interesadas en participar poderán facelo a través do formulario habilitado na web da fundación ou cubrindo a folla de inscrición que terán que presentar o día do obradoiro presencialmente (no caso da solicitude polo formulario web non é necesario). Tamén se pon a disposición unha listaxe dos dereitos humanos para que os nenos e nenas participantes traballen con anterioridade os dereitos humanos e así aproveiten máis o obradoiro.
Ademais de ser partícipes do obradoiro o 24 deste mes, os rapaces e rapazas de 10 a 14 anos poderán participar enviando a súa obra ao concurso internacional de pintura #Kids4HumanRights. Cada persoa poderá presentar ata un máximo de tres obras entre tres categorías: que dereito humano é máis necesario dende o punto de vista do/a participante, quen é o seu heroe ou heroína dos dereitos humanos, ou que faría polos dereitos humanos. Ademais da posibilidade de presentarse a este concurso, as creacións dos pequenos e pequenas participantes no obradoiro expoñeranse ao remate no paseo da Banda do Río, para que todas as persoas poidan admiralas.
O concurso internacional #Kids4HumanRights, patrocinado pola Oficina das Nacións Unidas en Xenebra e a Oficina do Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, convida aos mozos de entre 10 e 14 anos a realizar obras de arte baseadas en tres posibles temas: o dereito humano que máis lles interese defender, unha persoa á que admiren polos seus esforzos na defensa ou promoción dos dereitos humanos e, por último, como poden eles defender os dereitos humanos á súa maneira.
A actividade terá continuidade cun acto de lectura dos Dereitos Humanos no Concello de Bueu que se celebrará entre o 8 e o 13 de decembro.
DOCUMENTOS DE INTERESE