Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Comisión de Igualdade do Concello de Bueu aprobou o I Plan de Igualdade do Persoal 2025-2028

  • O plan enviouse ao Rexistro de Plans de Igualdade das Administracións Públicas, que é o organismo encargado de verificar que todo estea correcto para comezar posteriormente a aplicar as medidas acordadas
  • O documento recolle unha diagnose e unha serie de obxectivos a conseguir para garantir a igualdade real e efectiva no Concello de Bueu

O Concello de Bueu aprobou o pasado luns o I Plan de Igualdade do Persoal 2025-2028 e o protocolo fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, logo de que a Comisión Negociadora de Igualdade dese luz verde na última xuntanza. Este organismo, no que participan a concelleira de igualdade, a directora do Centro de Información ás Mulleres e representantes sindicais do persoal, reuniuse varias veces dende comezos do pasado ano co fin de deseñar o que sería este plan que tamén recolle o protocolo antiacoso laboral, sexual ou por razón de sexo. Despois da aprobación desta semana na comisión, o plan enviarase ao Rexistro de Plans de Igualdade Administracións Públicas e posteriormente darase conta en sesión plenaria.

Laura Ogando, edil de igualdade, salienta que “se trata dun documento moi importante porque con el seguimos a ampliar os plans de igualdade polos que xa levamos moitos anos apostando”. De feito, o Concello de Bueu foi pioneiro na redacción de cinco plans de igualdade entre homes e mulleres, e tamén do Plan de Igualdade Intercentros ou do Plan de Erradicación da Violencia de Xénero.

Con este instrumento, o Concello pretende cumprir co artigo 33.1 do RDL 5/2015, da Lei do Estatuto Básico dos Empregados Públicos e na Lei 3/2007, e con el conseguirase avanzar na aplicación da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

O documento do plan consta de varias seccións, como o marco normativo, a diagnose de xénero no cadro de persoal, os obxectivos, os procesos de elaboración, as áreas de actuación (proceso de selección e contratación, formación, desenvolvemento profesional, conciliación e corresponsabilidade, prevención da violencia de xénero, prevención do acoso sexual e por razón de sexo, riscos laborais e saúde laboral), seguimento e avaliación, vixencia e anexos.

Da diagnose deriváronse varios datos positivos e negativos, como que existe sensibilización e compromiso da corporación municipal en materia de igualdade, que hai presenza igualitaria de mulleres e homes no plantel de persoal e nas xefaturas de servizo, que os procesos selectivos son non discriminatorias e que os tribunais de selección son mixtos. Como aspectos a mellorar, esa análise tamén mostra que existen postos de traballo masculinizados e feminizados, un maior número de contratos temporais entre mulleres, un desequilibro de mulleres e homes na representación sindical e que non hai un plan específico de conciliación nin de prevención fronte ao acoso.

Entre os obxectivos que se pretenden acadar co plan están fomentar unha maior presenza feminina, promover a igualdade de trato e oportunidades no desenvolvemento persoal, realizar accións formativas equitativas, facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, realizar un novo convenio colectivo adaptado á lexislación en igualdade ou prever a discriminación por razón de sexo, acoso laboral e sexual.

Despois do envío ao Rexistro, no que revisarán o plan para verificar que todo estea correcto, procederase á constitución da comisión de seguimento encargada de desenvolver e executar o documento.