Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A cidadanía de Bueu recolle funís de balde para a reciclaxe de aceites usados

  • A Mancomunidade de Concellos do Morrazo instalou este xoves unha mesa informativa na contorna da Praza de Abastos da vila bueuesa e máis de 130 veciños e veciñas xa recolleron estes embudes de balde
  • Aínda hai funís dispoñibles, que se poden solicitar enviando un correo a info@mancomunidadedomorrazo.gal ou dirixíndose presencialmente ao Concello de Bueu

Máis de 130 persoas achegáronse este xoves á mesa informativa que se instalou na contorna da Praza de Abastos para dar a coñecer a campaña de reciclaxe de aceites usados e repartir funís de balde. Nesta mesa estiveron presentes as técnicas de compostaxe do Concello de Bueu e da Mancomunidade, e o que se pretendía era ofrecer información arredor do supón o tratamento adecuado dos aceites de cociña. As persoas que non puideron asistir á mesa de hoxe e desexen conseguir un funil de balde aínda poden solicitalo nos próximos días a través do correo info@mancomunidadedomorrazo.gal ou dirixirse presencialmente ao Concello de Bueu.

Para esta campaña, o ente supramunicipal conseguiu unha subvención de preto de 7.000 € á Xunta de Galicia que conta co financiamento do fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da EU no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, da Unión Europea – Next GenerationEU.

O obxectivo é concienciar á poboación, pois está demostrado que 1 litro de aceite pode contaminar ata 1000 litros de auga, sendo un dos materiais máis daniños para os nosos mares e ríos. Así mesmo, e segundo se explica nos materiais informativos, a eliminación do aceite doméstico nas depuradoras é moi custosa e pouco eficiente, crea atoamentos nas tubaxes e favorece a aparición de malos cheiros, ademais de impedir o intercambio de osíxeno nos ríos asfixiando aos seres vivos. Pola súa parte, reciclar este material ten moitas vantaxes, pois co aceite recollido pode obterse un combustible renovable e máis respectuoso co medio ambiente, e cada tonelada de aceite recollido e transformado en biocarburante representa un aforro de 3 toneladas en emisións de CO2.

En canto aos contedores de aceites usados, no municipio bueués hai actualmente once, que se sitúan en As Lagoas, Praza de Abastos, Rúa Nova de Beluso, Avenida de Marín, rúa Xosé María Estévez, Can do Penedo, Agrelo, Loureiro, Cabalo, praia de Beluso, a carón do cemiterio de Cela.