Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Aula da Natureza de Cabo Udra continúa en setembro coas actividades medioambientais

  • Os eventos desenvolveranse na propia Aula e na súa contorna e haberá propostas para todos os públicos
  • As persoas que desexen participar deberán apuntarse previamente de balde nos formularios habilitados na web de Alados

O Concello de Bueu manterá aberta a Aula da Natureza de Cabo Udra ata o 15 de setembro, e tamén continuará durante todo o mes coas actividades medioambientais que se desenvolveron no verán cun gran éxito de público e con cheos en todas as propostas. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “o obxectivo é fomentar o coñecemento sobre a nosa contorna, cun especial fincapé na parte medioambiental, e achegala a todo tipo de públicos, especialmente aos máis cativos”.

As actividades, que terán lugar na Aula e na súa contorna, contan co financiamento do GALP Ría de Pontevedra e son levadas a cabo pola Asociación Alados, especializada no coidado da natureza, e inclúen obradoiros, rutas, charlas e xornadas didácticas.

O sábado 7 de setembro, ás 12 horas, organizarase a charla- obradoiro “Biodiversidade de Udra”, na que se explicarán os diferentes ecosistemas que conforman o ZEC-Cabo Udra, e a importante fauna e flora presentes neste. Ademais realizarase un taller de elaboración dun cadro decorado con diferentes seres vivos que conforman a importante biodiversidade desta zona.

O domingo 8, ás 12.30, desenvolverase o paseo “O Intermareal”, unha actividade familiar de exploración do medio intermareal e investigación de charcas e sistemas rochosos intermareais e a diversa e valiosa fauna que o habita.

Continuarán as actividades o 14 de setembro, ás 12 horas, co obradoiro infantil “Totebags”, no que se realizará a decoración dunha Totebag de tea a través da técnica do ecoprint. Ao día seguinte, ás 11 horas, desenvolverase o roteiro ambiental “As aves”, no que se fará unha introdución á ornitoloxía e ao coñecemento e observación das aves típica deste espazo natural costeiro protexido declarado como ZEC-Cabo Udra, Rede Natura 2000 e LIC. Tamén ese día, ás 18.30 horas, haberá unha nova xornada de anelamento científico de aves. Da man do anelador científico e doutor en bioloxía Jose Arcas, as persoas participantes introduciranse de xeito práctico nesta técnica de estudo de aves, grazas á cal aprenderán en que consiste, os obxectivos que persegue, así como a revisión das redes, como tomar datos das aves capturadas e unha introdución de xeito vivencial no mundo da ornitoloxía.

O 22 de setembro poderase gozar do roteiro “Animais e rastros”, no que se fará unha exploración da contorna  cunha achega e introdución ás especies de fauna terrestre máis emblemáticas e características dos nosos montes, ademais da presentación da técnica de seguimento de rastros e sinais de animais.

As actividades rematarán o 28 de setembro, ás 12 horas, co obradoiro “Comedeiros para aves”, no que se elaborarán comedeiros para aves paseriformes.

Ademais das actividades propostas, as persoas interesadas poderán seguir visitando a Aula da Natureza de Cabo Udra, que estará aberta durante as fins de semana ata o 15 de setembro. Concretamente, o horario será os venres de 17 a 20.30 horas; os sábados, de 11 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas; e os domingos, de 11 a 14.30 horas.

Para todas as actividades requírese inscrición previa de balde na páxina web de Alados.