Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Asociación FICBUEU lanza unha nova edición dos obradoiros de curtametraxe

Nas próximas semanas darán comezo as aulas para rapazada e persoas adultas, que rematarán gravado os seus propios filmes

A Asociación FICBUEU ten aberta ata o 15 de outubro a inscrición nos seus obradoiros de curtametraxe, un para nenas e nenos a partir de nove anos e outro para persoas adultas. As e os participantes na anterior edición veñen de estrear as súas obras no 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se celebrou este mes.

As aulas darán comezo nas próximas semanas e prolongaranse ata o mes de xuño. Terán hora e media de duración e desenvolveranse un día a semana, a convir entre todos aqueles que se inscriban. Membros do equipo do FICBUEU, como María Ruiz e Pablo Lamosa, encargaranse de impartir o curso no local do que a entidade dispón na Banda do Río, atendendo a todas as medidas de seguridade derivadas da Covid-19.

As persoas interesadas nesta formación poden apuntarse enviando un correo ao enderezo electrónico info@ficbueu.com. As e os asistentes aprenderán sobre as distintas fases da realización, desde o guión e a produción, para acabar rodando e montando unha curtametraxe conxunta.