A Asociación das Alfombras participará no VII Encontro de Alfombristas de Elche de la Sierra
- Unha delegación de 16 membros da Asociación participan neste congreso entre o xoves e o domingo, onde elaborarán unha alfombra que representa “a identidade de Bueu”
Un total de dezaseis persoas da Asociación de Alfombras de Bueu participarán entre este xoves e domingo no VII Encontro Internacional de Alfombristas de Elche de la Sierra (Albacete), onde elaborarán un tapiz que simboliza a “identidade de Bueu”. De feito, segundo destacou a presidenta do colectivo, Carmen Santos, durante a rolda de prensa celebrada este mediodía, “o deseño da alfombra leva referencias aos elementos propios da nosa vila, como o polbo, o Museo Massó, as festas, e na súa confección combinaranse produtos típicos do mar e do campo (cunchas de berberechos e ameixas, carrascas…)”.
Santos apuntou que se trata dunha “oportunidade única para dar visibilidade mundial ao noso arte” e así conseguir pronto a declaración das alfombras florais como Ben Inmaterial, asunto que tamén se abordará neste encontro.
Pola súa banda, a concelleira de turismo, Silvia Carballo, sinalou que “é unha honra que levedes o nome de Bueu polo mundo e que ano tras ano crezades axudando ao mantemento da tradición”.
No encontro agárdanse un total de 240 alfombristas de vinte e seis delegacións de países como España, Xapón, Corea do Sur, Malta, Italia, Tíbet, India, Bélxica, Alemaña e México.