O Concello impulsa unha consulta pública para a renovación da biblioteca municipal
- O goberno municipal procurará propostas para incorporar novos usos e servizos neste espazo
O goberno local de Bueu promove unha consulta nas redes sociais para incentivar a participación da cidadanía en proxectos de interese social, concretamente para os que pola súa singularidade se considera esencial contar coa opinión das veciñas e veciños.
A primeira destas consultas ten que ver coa Biblioteca Municipal Torrente Ballester, situada no corazón do Parque Ramal dos Galos e que se converteu nos últimos anos en todo un referente para as persoas que necesitan e demandan espazos de lectura e de estudo. De feito, incrementouse considerablemente o préstamo de lecturas obrigatorias e o número de persoas usuarias (incluso de fóra de Bueu).
Malia que xa cumpre esta función tan necesaria, o goberno local quere ir máis alá e considera que o modelo de biblioteca debe evolucionar e incorporar novos usos e servizos. Desde a alcaldía e a concellaría de cultura buscan as propostas da cidadanía para a mellora na accesibilidade aos diversos espazos, en equipamentos e nas condicións técnicas do propio edificio.
As persoas interesadas en achegar as súas suxestións poderán remitilas ao enderezo electrónico concello@concellodebueu.gal ou a través da sección “A túa opinión conta”, na propia web municipal.
O goberno dirixido por Félix Juncal salienta que “é importante que a cidadanía participe de forma activa na vida pública e que o faga da forma máis sinxela posible, de aí que utilicemos as redes sociais, un dos mecanismos de interacción coa veciñanza máis empregados”. O obxectivo é continuar impulsando estas accións de cara á elaboración e execución de máis proxectos.