O Concello de Bueu solicita 50 composteiros individuais á Deputación de Pontevedra
- A concelleira de medio ambiente, Tamara Sotelo, mantivo este martes unha reunión co persoal técnico da Deputación
- As persoas interesadas en contar cun composteiro poderán anotarse previamente no Concello
O Concello de Bueu vén de solicitar un lote de 50 composteiros individuais (COIN) á Deputación de Pontevedra, no marco dunha liña de axudas que o organismo provincial ten en vigor. Así o comunica a concelleira de medio ambiente, Tamara Sotelo, tras a reunión que mantivo na mañá deste martes cos técnicos do servizo do Plan Revitaliza da Deputación, Agustín Vidal e Inés Rozas.
Por iso, e á agarda aínda da confirmación por parte da Deputación, desde o Concello convídase a todas as persoas interesadas en contar cun composteiro a que se inscriban no teléfono 986390029 (ext. Alcaldía), no enderezo electrónico comunicacion@concellodebueu.gal, ou tamén de forma presencial no segundo andar da Casa Consistorial. A previsión é que nas vindeiras semanas se poida convocar unha reunión informativa e de entrega dos composteiros solicitados.
O Concello de Bueu apostou fai catro anos pola instalación de dous centros de compostaxe comunitaria, sitos na zona das Lagoas e na rúa Xosé María Estévez, que xa están plenamente asentados e con boa aceptación por parte da cidadanía. Esta conclusión entresácase das cifras do último ano: vinte e seis toneladas recollidas entre materia orgánica e fracción vexetal. A isto hai que sumar os composteiros individuais que se entregaron no 2017 no marco dun convenio de colaboración con SOGAMA, e que permitiron que cincuenta veciños e veciñas colaborasen neste proceso desde as súas propias vivendas.
Dado o interese da poboación e do goberno para continuar con este modelo, solicitáronse estes composteiros individuais á Deputación e tamén se ten previsto realizar outra petición a SOGAMA. Os obxectivos son principalmente tres: tratar por compostaxe a fracción orgánica producida nas vivendas, reducir a entrada no circuíto de xestión do lixo do concello de calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel, e prover dos materiais necesarios para implantar o tratamento ‘in situ’.