Aberta a preinscrición para participar na Aula de Música
- As persoas interesadas poden inscribirse antes do 3 de setembro nas modalidades de solfexo, piano, canto e música activa
- As clases, que están abertas a todas as idades, desenvolveranse do 16 de setembro de 2019 ata o verán do próximo ano na Casa da Música Manuel Omil
A Aula de Música do Concello de Bueu abre o prazo de preinscrición para participar nas clases do vindeiro curso, que se celebrarán entre o 16 de setembro de 2019 e finais de xuño na Casa da Música Manuel Omil. En concreto, as clases impartidas serán de solfexo, piano, canto e música activa e as preinscricións poderán entregarse desde o 28 de agosto ata o 3 de setembro ás 23.59 h, de dúas formas: achegando a solicitude por Rexistro Xeral ou mediante a Sede Electrónica (para o que é preciso contar con certificado dixital).
Segundo avanza o concelleiro de cultura, Xosé Leal, nas próximas semanas aprobaranse as bases que rexerán os criterios de admisión.