Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

XX Festa do Polbo

Evento xa rematado

O Concello de Bueu, xunto coa Confraría de Pescadores San Martiño, organiza do 9 ao 11 de agosto a vixésima edición da Festa do Polbo, que se celebrará no campo da Estacada e que ofrecerá a posibilidade de degustar arredor dunha trintena de especialidades e formas de cociñar este cefalópodo. Ademais diso, e como vén sendo habitual, a gastronomía combinarase cunha programación cultural e festiva.

Silvia Carballo destacou que “celebramos unha edición moi especial, pois cumprimos vinte anos promovendo o Polbo das Rías”. A edil salientou que desde o Concello se comezará a traballar para conseguir a declaración de festa de interese turístico galego, xa que se trata dun evento que “pon en valor o noso produto e a tradición e historia mariñeira, a de homes e mulleres que mantiveron estas artes de pesca de xeración en xeración”.

Os postos de O Rincón de Cela, Rosa de Los Vientos e Casa Acuña estarán abertos o venres de 19.30 a 00.00 horas. Nese mesmo día, ás 20.30, o grupo Polo Correo do Vento impartirá unha sesión de contacontos ilustrado de temática mariñeira para a rapazada no mesmo espazo da carpa da Estacada.

A inauguración oficial será o sábado ás 12.00 horas, coa lectura do pregón a cargo de Marta Currás, escritora residente en Vigo pero con raíces na vila bueuesa. Bióloga de profesión, Currás defínese como unha lectora voraz que imaxina historias desde os tres anos, e desa mente desbordante naceron as novelas Templados por el sol, mecidos por el viento (Premio Círculo de Lectores 2018) e La memoria de las olas (Premio Nostromo de literatura marítima).

A continuación, ás 12.30 horas, terá lugar unha sesión vermú amenizada polo grupo Fanfarria Taquikardia, coa que se ofrecerá un pack de tapa e vermú galego por 6.00 euros, proposta que naceu o ano pasado para chegar ao público máis novo e que tivo grande acollida; e á que seguirá unha exhibición de barbería tradicional a cargo de Marino’s Barber Shop. Segundo avanza Eloy Entenza, “realizarei unha demostración de afeitado e de corte de pelo clásicos”.

Xa pola noite, ás 22.30 horas, a actriz e humorista galega Isabel Risco presentará o seu espectáculo “Nabiza Girl!”, no que se interpreta a unha súper heroína rural galega con denominación de orixe protexida.

O domingo, ás 12 da mañá, o grupo Retrouso amenizará a sesión vermú, e pola noite, ás 19.30 horas o programa cultural rematará co concerto infantil de “O Capitán Garfo”. Destacable desta edición é o pulo das actividades infantís, motivo polo cal haberá un espazo para a rapazada que conta con xogos cedidos polo CEIP Montemogos de Beluso.

Horarios e especialidades

A festa arrancará o 9 de agosto ás 19.30 h, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o sábado e domingo de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00. As variedades terán un custe de 6.00 € e de 10 €, segundo a ración, e serán ofrecidas por tres establecementos: O Rincón de Cela, Frigoríficos Rosa de los Vientos e Casa Acuña.

Rosa de los Vientos disporá, por un custe de 6.00 €, de empanada de polbo de trigo e de millo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo e fabas con polbo; e por 10 €, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaén, polbo á feira, e polbo á galega (en caldeirada). O Rincón de Cela presentará empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo, e paté de polbo, todas por 6.00 €; mentres que por 10 €, os e as comensais poderán probar polbo ao allo con berberechos, polbo á feira, polbo á prancha, polbo en caldeirada, hamburguesa de polbo e pizza de polbo. Por último, Casa Acuña disporá, por un prezo de 6.00 €, de empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo e queixo de tetilla, tosta de polbo, arroz de polbo e taco de millo con polbo; e por 10 €, polbo á feira, polbo e Arzúa, polbo en caldeirada, polbo grellado con puré de pataca e polbo ao Albariño e mollo verde.

Especialidades XX Festa do Polbo de Bueu